As traballadoras do SAF de Muxía exixen unha solución definitiva aos reiterados atrasos no abono dos seus salarios
A CIG, como sindicato que ostenta a representación legal do persoal, exíxelle ao Concello de Muxía unha solución definitiva aos reiterados atrasos no pago dos salarios ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Ante este intolerábel incumprimento, que como era de esperar se volve repetir, a asemblea de traballadoras acordou iniciar distintas acción encamiñadas a reivindicar que o servizo pase a xestión directa sen descarar un calendario de mobilizacións, con datas por determinar.
Ademais, as traballadoras, ante as graves acusacións do alcalde que só buscan dividir o colectivo, asinaron por unanimidade un comunicado de apoio á representante sindical, no que remarcan a unidade de todas, que as decisións que se adoptan están consensuadas e acordadas en asemblea, e que non admiten que se diga que están manipuladas por ninguén (nin partido, nin sindicato).
En decembro de 2022, o Concello de Muxía comprometeuse a iniciar de inmediato os trámites para a licitación do servizo. Namentres, até efectivizar a nova adxudicación, a empresa contratada fóra de licitación para prestar o servizo comprometeuse, a súa vez, a adiantar até un mes o salario ás traballadoras para evitar así atrasos no cobro das nóminas, dada a lentitude dos procedementos de abono das facturas por parte do Concello.
Agora, ao ser requirida pola representación legal do persoal para o adianto da nómina neste mes de xaneiro -que en teoría segundo o acordo lle correspondía realizar-, a empresa comunicou, de maneira verbal, que ten asinado outro acordo co Concello que a exime dese adianto. Por este motivo, as traballadoras pediron explicacións o Concello.
Mais a resposta, critica o secretario da CIG de Cee, Xabier Santos, é un “circo mediático por parte do alcalde, de falta de respecto as traballadoras, que se senten castigadas por este Goberno cando o que están reclamando é o que lexitimamente lle pertence: os salarios polo traballo que desenvolven".
Engade que as traballadoras sofren reiteradamente demoras no cobro dos seus salarios pola mala xestión do Goberno municipal. Pro iso, reclámalle ao alcalde de Muxía "que deixe de ameazar, que acredite se a adxudicataria está mentindo ou non sobre a existencia dese novo acordo, de non haber tal acordo que busque unha empresa con solvencia económica para afrontar os pagos e, sobre todo, que dea unha solución definitiva, xa que esa é a súa responsabilidade política".
As traballadoras están fartas desta situación que se perpetúa no tempo, de estar pendentes cada trimestre de modificación de crédito para poder cobrar os salarios e de ser utilizadas polo Goberno "como moeda de cambio nos plenos no medio doutros impagos de facturas ou de ser utilizadas nas súas disputas e batallas coa oposición".
Un servizo máis do Concello
Santos subliña que Servizo de Axuda no Fogar "é un servizo máis que presta o concello de Muxía, como calquera outro de xestión directa, e as traballadoras que o realizan teñen exactamente o mesmo de dereito a recibir os seus salarios que calquera outra persoa traballadora do Concello e mesmo que o propio alcalde".
Por iso, a CIG exixe unha solución definitiva a esta problemática, como sería recuperar a xestión directa deste servizo, xa que ademais de resultar economicamente máis barata para o Concello, remataría dunha vez cos atrasos no pago dos soldos.