As traballadoras do SAF de Monterroso recollen case 2000 sinaturas contra a privatización do servizo
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Monterroso fixeron entrega este xoves dun total de 1920 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo goberno municipal e para demandar un servizo 100% público, estábel e de calidade.
Desde a CIG quérese amosar a satisfacción polo apoio dos veciños e das veciñas na defensa dun servizo público de tanta necesidade como é o Servizo de Axuda no Fogar.
A recollida de sinaturas manifesta claramente a deslexitimación do goberno municipal á hora de adoptar dita medida, posto que "o número de sinaturas recollidas supera amplamente ao número de votos dos partidos que compoñen a coalición de goberno. Lembremos que o PP acadou 695 votos e IxM acadou 798 votos, se ben IxM non levaba no seu programa electoral nada relativo á privatización do servizo, e que a súa presenza no grupo de goberno é froito dunha división interna na formación, e que polo tanto non conta co apoio de todas e todos os seus votantes", subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
A CIG chama o grupo de goberno a reconsiderar esta medida posto que a privatización do servizo vai supor un encarecemento do mesmo e tamén o seu deterioro progresivo tendo en conta que para unha empresa privada "o que prima é o beneficio e non a calidade do servizo, e xustamente o beneficio aumenta a conta de recortar na calidade".
De igual xeito, engade Neto, "consideramos que a privatización é unha decisión absolutamente antidemocrática, posto que aínda que o goberno ten a maioría absoluta no pleno, esa maioría non é real, e o que se produce finalmente con esta decisión unilateral tomada ás costas das persoas traballadoras do servizo é unha perversión do sistema democrático".
A CIG continuará coas mobilizacións
Baixo estas circunstancias, a CIG continuará a desenvolver accións mobilizadoras para esixir do Concello de Monterroso que reconsidere a súa decisión e que manteña a xestión directa con carácter público do servizo, así como que adopte as medidas que a lei lle permite para contratar traballadoras e traballadores sen a titulación requirida mentres non haxa persoal suficiente coa titulación para cubrir a demanda de persoal que se precisa para o servizo.