As traballadoras do SAF de Compostela cumpren o seu anuncio e acompañan a Bugallo ao CGRL
O pasado mes de febreiro as traballadoras de SERVISAR, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago, denunciaban os incumprimentos da empresa, as súas condicións laborais e a inacción do concello. Anunciaban, por iso, a convocatoria dunha xornada de folga, que tivo lugar o pasado día 28 de febreiro, e que acudirían aos actos nos que participase o alcalde da capital de Galiza para lembrarlle a súa responsabilidade na actual situación. Esta tarde, cumprindo co seu anuncio, agardaban a chegada de Sánchez Bugallo ás portas do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL).
Cando o alcalde compostelán apareceu pola estreita rúa da Algalia de Abaixo, alí estaban unha representación das traballadoras, baixo a chuvia, esperando para recibilo entre apupos e berros de “SAF solución”, en demanda de que o concello actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio.
As traballadoras exixen que se lles pague o incremento do IPC de 2021-2022; que se estabeleza unha zonificación para reducir distancias; fichaxe personalizada e que haxa un coordinador/a de referencia por zona.
Lembran que son as únicas de toda a comarca nesta situación porque empresas máis pequenas, que teñen a concesión do servizo noutros concellos, xa pagaron o incremento do IPC do 2021 e os correspondentes atrasos e mesmo a suba do 2022. De feito a mesma empresa no concello de Vigo actualizou os salarios do persoal, mais en Compostela non. Entenden que se trata dunha decisión empresarial en represalia por non ratificar o preacordo do novo convenio.
Salario base por debaixo do SMI
Ademais, o seu salario base está a 1042,67€ (brutos), cando foi aprobado un incremento do SMI a 1080€, aínda que moitas cobran por debaixo desa cantidade. Con eses salarios teñen que asumir os gastos derivados do mantemento dos seus vehículos particulares, que teñen que empregar obrigatoriamente para realizar o seu traballo, porque aínda que si se lles bonifica o combustíbel o desgaste, os cambios de rodas e demais corren pola súa conta.
Para as traballadoras non é de recibo que teñan que cubrir domicilios a distancias quilométricas, cando mesmo se están cruzando con outras compañeiras nos traxectos. Por iso queren que se mellore a organización do servizo establecendo zonas máis a xeito, para reducir as distancias e aproveitar ese tempo de desprazamento para mellorar a atención.
Ao tempo demandan a personalización da fichaxe, como marca o convenio e que se estabeleza sempre o mesmo horario para cada traballadora. Aseguran que mentres non se resolva o conflito continuarán acompañando o alcalde aos eventos que teña previstos. E elas, como demostraron hoxe, si cumpren os seus compromisos.