As traballadoras do SAF de Chantada volven á rúa contra a privatización do servizo

Este xoves farán unha nova protesta coincidindo coa votación no pleno das bases do concurso
Chantada - 29 Xan 2020

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Chantada volveron manifestarse na tarde deste mércores en rexeitamento á privatización do servizo que ten en marcha o Goberno municipal e para esixir unha axuda a domicilio de calidade, 100% pública e cunha condicións laborais dignas. A mobilización convócase na véspera da celebración este xoves do Pleno municipal no que, previsibelmente, se aprobarán as bases do contrato do SAF.

Segundo puido saber a CIG, o documento, que non foi trasladado pola concelleira de Servizos Sociais ás traballadoras nin á súa representación legal, contempla a subrogación do conxunto do persoal, pero incorre en numerosas contradicións, como o feito de que recolle que se manterán as condicións laborais e salariais ás traballadoras ao tempo que establece que o convenio de aplicación será o do sector.

Dúas cuestións que para o responsábel da CIG de Monforte, Xosé Manoel Silva, son incompatíbeis, tendo en conta que as traballadoras do SAF teñen as mesmas condicións que o resto do persoal laboral do Concello, reguladas nun convenio propio. "Como se pode conxugar isto, ou é que van promover dúas clases de persoal con condicións distintas?", pregúntase.

O Goberno local non trasladou información

Para Silva resulta esclarecedor da falta de motivación para privatizar o SAF que as bases vaian acompañadas de diversos informes técnicos xustificando que non estamos ante unha privatización, senón que se trata dunha 'externalización' do servizo. O despropósito nesta medida é tal, subliña, que o Goberno local nin sequera foi capaz de elaborar os pregos e tivo que contratar a unha asesoría laboral externa.

Neste contexto, as delegadas de persoal do SAF critican que, a pesar de estar en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro, até o momento nin o alcalde nin a concelleira da área se puxeron en contacto con elas para abordar o proceso de privatización, informarlle de como pensan executar a subrogación ou cales serán as condicións nas que se vai prestar o servizo ás usuarias e usuarios.

 

Concentración este xoves coincidindo co Pleno

Por iso, despois da manifestación desta tarde, as traballadoras volveranse mobilizar mañá, xoves 30, ás 20 horas, diante da Casa do Concello coincidindo coa celebración do Pleno municipal, ao que tamén teñen intención de asistir.

Na súa loita por frear a privatización do servizo, as traballadoras entregaron máis de 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza á Consellaría de Política Social pedindo a súa intervención e promoveron unha moción de apoio na Deputación de Lugo, que foi aprobada esta mesma semana cos votos a favor do PSOE e BNG, mentres que o PP votou en contra.