As traballadoras do SAF de Chantada seguen a folga e as mobilizacións contra a privatización do servizo
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Chantada, en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro, continuaron este xoves coas mobilizacións en rexeitamento á privatización do servizo que está a realizar o Goberno municipal. A protesta produciuse un día despois da visita da Inspección de Traballo, tras da denuncia presentada pola CIG polos múltiples incumprimentos en materia laboral que se están a rexistrar.
Neste senso, Xosé Manoel Silva, responsábel da CIG de Monforte, explica que dende o inicio da folga se lles está a ampliar a xornada as traballadoras de maneira ilegal co obxectivo de cubrir as baixas, que se estan denegando os días de asuntos propios ou que tamén se detectaron irregularidades nas contratacións realizadas a través da empresa privada coa que o Concello xa viña cubrindo as ausencias de persoal.
O próximo xoves, 19 de decembro, as traballadoras do SAF volveranse concentrar ás 20h na Praza de Galiza e posteriormente haberá unha asemblea para avaliar a situación do servizo, os pasos dado até agora polo Goberno municipal para a privatización ou os procesos xudiciais pendentes, como o recurso presentado pola CIG contra os abusivos servizos mínimos impostos, que vulneran o dereito fundamental á folga.
A CIG gaña as eleccións no SAF de Monforte e no Concello da Pobra do Brollón
Doutra banda, informar que a CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas no SAF de Monforte (xestionado por unha empresa privada dende hai anos) ao lograr catro das cinco representantes ao comité de empresa e recibir 42 dos 48 votos emitidos. Deste xeito, a central incrementa a súa representatividade, xa que no anterior proceso de eleccións obtivera tres delegadas.
Así mesmo, a CIG gañou as eleccións do persoal laboral do Concello da Pobra do Brollón, ao lograr os/as tres delegados/as que se escollían.
En ambos casos, a central nacionalista agradece a confianza depositada polas traballadoras e os traballadores nas candidaturas da CIG e a reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e das condicións laborais do persoal.