As traballadoras do SAF de Chantada recollen máis de 3.000 sinaturas contra a privatización do servizo
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Chantada fixeron entrega este xoves das máis de 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo Goberno municipal e para demandar un servizo 100% público, estábel e de calidade. As sinaturas, dirixidas á Consellaría de Política Social, foron entregadas esta mañá no rexistro do Concello de Chantada.
Hai que subliñar que as traballadoras do SAF están en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro, tras do anuncio do alcalde de iniciar o procedemento para a privatización do servizo e negarse a abrir unha mesa de negociación co persoal para tentar mellorar a xestión deste.
Malia o tempo transcorrido e os intentos de boicotear a folga (decretando uns servizos mínimos abusivos que están recorridos e mesmo pretendendo substituír ás traballadoras en folga), a día de hoxe, nin dende a Concellaría de Servizos Sociais nin dende a Alcaldía se explicou as traballadoras afectadas que vai ocorrer cos seus empregos, se haberá subrogación e como se fará, que condicións laborais e salariais se recollen nos pregos ou que orzamento se vai destinar ao contrato. E iso que todo apunta a que será a finais deste mes de xaneiro cando o Concello publique as bases do concurso.
Persecución ás traballadoras
Ao contrario, alerta Xosé Manoel Silva, responsábel da Unión Local da CIG de Monforte, dende o Goberno municipal estase a perseguir a este colectivo de traballadoras e xa se lle abriu expediente disciplinario a unha compañeira por negarse a realizar labores que exceden as súas funcións. "O Concello xustifica a privatización do SAF dicindo, entre outras cousas, que non ten persoal suficiente para atender o servizo e a solución que se lles ocorre é sancionar as traballadoras?", pregúntase.
Neste senso, cómpre lembrar que a mediados de decembro a Inspección de Traballo cursou visita ao SAF a raíz da denuncia presentada pola CIG polos múltiples incumprimentos en materia laboral que se están a rexistrar (como a ampliación ilegal das xornadas de traballo, denegar os días de asuntos propios ou irregularidades nas contratacións a través da empresa privada a través da que o Concello xa viña cubrindo as ausencias do persoal).
Baixo estas circunstancias, ademais de entregar as sinaturas recollidas, as traballadoras tamén se volverán concentrar esta tarde, ás 20:00 horas, na Praza de Galiza para demandar do Concello que paralice a privatización do SAF.