As traballadoras do SAF de Chantada manifestaranse este venres en rexeitamento á privatización do servizo
Ao berro de "o público é servizo,o privado beneficio", as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Chantada volvéronse concentrar este martes diante da Casa do Concello en rexeitamento á decisión do Goberno municipal de privatizar este servizo básico e para demandar a súa xestión directa, tal e como se viña facendo até agora.
A concentración de hoxe forma parte do calendario de mobilizacións que as traballadoras están a realizar con motivo da folga indefinida iniciada o pasado luns, 28 de outubro, pero que na práctica o Concello está a impedir polos abusivos servizos mínimos impostos (que alcanzan o 95% da actividade) e que xa foron recorridos pola CIG por vulnerar o dereito fundamental á folga.
Ademais desta concentración, a CIG ten convocada unha manifestación para o próximo venres, 8 de novembro, ás 19:00 horas, con saída do local do sindicato na Praza de Galiza. Aínda que nun principio a marcha estaba prevista para o sábado, a Subdelegación do Goberno denegou o permiso alegando que foi censurada pola Xunta Electoral pola súa posíbel "interferencia no voto" ao coincidir coa xornada de reflexión.
Neste senso, dende a UL da CIG de Monforte lamentan que se limite o dereito á liberdade de expresión e se mesture un conflito laboral coa campaña electoral "cando o propio sábado todos os xornais, radios e televisións informarán, con todo detalle, dos actos e mitins celebrados o día anterior, ademais de dar conta do que fan nesa xornada as/os diferentes candidatas/os políticos, algo que si inflúe no voto".
Rolda de contactos cos grupos políticos
Alén das mobilizacións, o colectivo de traballadoras do SAF (integrado por unhas 30 persoas) comezou unha rolda de contactos institucionais cos partidos da oposición para trasladarlles a súa problemática e pedirlles que actúen para evitar a privatización do servizo. Deste xeito, a representación social xa mantivo encontros cos voceiros de Por Chantada e do BNG, quen amosaron o seu apoio ás demandas das traballadoras.
A este respecto, o responsábel da CIG-Monforte, Xosé Manoel Silva, lamenta que a concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero, "non saia a defender a calidade asistencial, os postos de traballo e as condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar (que dependen directamente da súa responsabilidade) coa mesma forza e interese que fixo cando hai uns anos se puxo detrás da pancarta coas traballadoras do centro de día de Chantada".
Daquela, Carnero non dubidou en saír na defensa dos postos de traballo, cando a Xunta do PP pasou a rede de centros do Consorcio de Igualdade e Benestar á Axencia Galega de Servizos Sociais sen garantir a totalidade dos empregos. Curiosamente, aquela protesta tamén estaba convocada pola CIG. "Mais pola contra, agora é a concelleira quen promove a privatización dun servizo público básico para ducias de veciños e veciñas, baixo a insólita escusa de que "é moi complicada a súa xestión" e cando se está negociando unha Relación de Postos de Traballo na que se inclúen os 29 postos do SAF", critica Silva.
Privatizar para precarizar
As traballadoras e a CIG reclaman unha vez máis ao Goberno de Chantada que dea marcha atrás na súa decisión e abandone as privatizacións de servizos públicos que a experiencia xa ten abondo demostrado que só traen maior precariedade, maiores custes económicos e unha menor calidade asistencial.
Non hai máis que botar un ollo aos medios de comunicación para ver os continuados problemas laborais e asistenciais que existen nos concellos do país que teñen privatizado este servizo, por non falar dos reiterados incumprimentos do cativo convenio colectivo de axuda a domicilio por parte das empresas do sector, que buscan facer negocio a conta de explotar as traballadoras e sen preocuparse o máis mínimo pola calidade asistencial.