As traballadoras do SAF de Ames reclaman a actualización da quilometraxe e solucións para o aparcarmento

Denuncian que hai tempo e quilómetros que non se pagan e que saen directamente dos seus petos
Ames - 29 Mai 2026

 

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ames concentráronse este xoves diante da casa do concello, coincidindo coa celebración do pleno no que precisamente se ía tratar este asunto, para reclamar que se incremente a cantidade que perciben por quilómetro e para reclamar que se lles habiliten prazas de aparcamento nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns.

 

A presidenta do comité de empresa, Marifé Novo, denunciou que a situación actual supón “un prexuízo económico constante” para as traballadoras, xa que “non se están pagando todos os quilómetros que realmente se fan” e tampouco se actualizou o importe da quilometraxe consonte o incremento do prezo dos combustibles.

Novo explicou que existía un acordo previo polo que ás traballadoras que residen fóra do Concello de Ames se lles computaban os quilómetros desde a oficina, mentres que ás que viven no propio concello se lles recoñecían a partir dos cinco quilómetros. Porén, lamentou que os novos pregos do servizo non recollen de maneira clara esta cuestión. “Agora din pouco menos que foi un erro e que no próximo contrato se vai rectificar, pero mentres tanto somos nós quen asumimos esa perda económica”, criticou.

A maiores, as traballadoras puxeron o foco nas dificultades diarias para aparcar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Segundo indicou a presidenta do comité, “é imposible aparcar e acabamos deixando o coche moi lonxe dos domicilios, perdendo máis tempo e asumindo máis gastos do noso peto”.

Untanzas co concello

Neste sentido, lembrou que xa mantiveran reunións co goberno municipal meses atrás nas que se lles trasladaran “boas palabras”, pero sen que se adoptase ningunha solución concreta. “O tema levouno ao pleno o BNG e quedou enriba da mesa, pero segue sen resolverse”, apuntou.

Marifé Novo tamén denunciou a falta de organización dos servizos, o que provoca continuos desprazamentos entre domicilios sen que ese tempo sexa recoñecido nin remunerado. “Imos da ceca para a Meca durante toda a xornada. Hai tempo e quilómetros que non se pagan e que saen directamente do noso peto”, afirmou.

A representante das traballadoras incidiu ademais en que mesmo durante os períodos de vacacións son chamadas para acudir a coñecer novos servizos antes da súa incorporación ao traballo. “Nas túas vacacións tes que ir coñecer un domicilio para despois reincorporarte sabendo o que tes que facer. Ao final, nin se respectan os descansos nin se compensa todo o tempo que dedicamos”, concluíu.