Folga no Grupo Deus para esixir o cobro dos salarios e rexeitar o ERE de extinción
As traballadoras do Grupo Deus irán á folga o martes 7, mércores 8, xoves 9 e venres 10 de marzo para esixir o cobro dos salarios adebedadas (que nestes momentos xa ascende a cinco mensualidades) e en rexeitamento ao ERE presentado pola empresa en tres das sociedades do grupo, a través do que pretende despedir a 103 empregadas dun cadro de persoal formando por 184 persoas.
As tres sociedades afectadas polo expediente de extinción son Confecciones Deus (onde se pretende despedir a 20 traballadoras dun total de 43), Shivshi (43 despedimentos dun cadro de persoal de 69) e Deus Creaciones (40 despedimentos dun total de 69). Todas elas están situadas no Polígono Industrial de Ordes e dedicadas á confección téxtil para coñecidas firmas de moda, e tamén fan confección propia de camisas.
Para a CIG este ERE é claramente unha fraude, alimentada e auspiciada pola reforma laboral do PP, que permite que este tipo de actuacións até o punto de que, a pesar dos gravísimos erros na documentación presentada pola empresa para a xustificación do ERE, a autoridade laboral di carecer de competencias para arquivar o expediente.
"Lamentabelmente, isto suporá que 103 persoas teñan que acabar presentando demandas individuais no xulgado para facer valer o seu dereito a manter o seu posto de traballo e a cobrar os seus salarios", denuncia a Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez.
Irregularidades na presentación do ERE
Entre as manifestas irregularidades na tramitación do ERE, hai que destacar o incumprimento en practicamente todo o articulado do Real Decreto 1483/12 polo que se regula o procedemento para a presentación de regulacións colectivas de emprego. "A piques de rematar o período de consulta, a empresa aínda non notificou ao cadro de persoal a presentación do expediente, non entregou ningunha documentación económica relativa ao exercicio 2016, nin tampouco as contas provisionais do ano 2017, como se estabelece no mencionado RD", explica Martínez.
Ademais, a empresa tampouco ten fixados os criterios de selección do persoal que formará parte do ERE, nin entregou o número e clasificación do persoal contratado no último ano en calquera das tres empresas do grupo.
A respecto do que se pode entender como memoria explicativa, a dirección alega un cambio de modelo de empresa, sen aclarar en que consiste este novo modelo de negocio. "A parte social non pode menos que manifestar o seu rexeitamento a este documento por entender que carece de valor, son simples enunciados e non concreta medidas encamiñadas a diminuír os efectos do ERE nin a garantir a viabilidade futura da compañía", asevera.
Para a CIG chama a atención e da boa conta "da actuación irresponsábel e fraudulenta das persoas á fronte desta empresa" o feito de que, diante do requirimento da autoridade laboral para a subsanación dos innumerábeis erros na documentación, a empresa non só se negue a corrixir estas deficiencias, senón que mesmo denega a existencia dese requirimento, cando á parte social tamén se lle remitiu copia do mesmo.
Concentracións diarias e unha marcha a pé
Á vista deste cúmulo de despropósitos e ante o reiterado impago dos salarios, as traballadoras do grupo acordaron ir á folga catro días da próxima semana. Para visibilizar o conflito, realizarán concentracións diarias ás portas da fábrica no Polígono de Ordes de 07:30 horas a 15:00 horas.
Ademais, para o mércores 8 de marzo está prevista unha marcha a pé dende o Polígono até a alameda de Ordes, que sairá ás 09:00 horas de diante da fábrica.