As traballadoras do Grupo Deus continúan esta semana coa folga e realizarán unha marcha a pé este mércores
As traballadoras do Grupo Deus continúan esta semana coa folga para esixir o cobro dos seus salarios e rexeitar o ERE de extinción co que a empresa pretende despedir a 103 empregadas. O persoal tomou a decisión de manter o paro logo de que a dirección confirmara que non ten intención de pagar ás nóminas adebedadas (cinco mensualidades) nin as indemnizacións que correspondan polos despedimentos.
Grupo Deus ampárase na falta de liquidez para non facer fronte aos pagos, obviando as súas responsabilidades e deixando na máis absoluta indefensión as traballadoras. "É unha actitude de chulería e prepotencia, pois hai que recordar que a empresa nin sequera se molestou en responder ao requirimento da Dirección Provincial de Economía e Industria para que corrixa os graves erros na documentación do ERE", denuncia Dores Martínez, Secretaria Nacional da FGAMT-CIG.
Neste senso, Martínez Castelo subliña que incluso a Inspección de Traballo -no marco das reunións que as partes mantiveron coa autoridade laboral a pasada semana- instou a empresa a reconsiderar a súa decisión e a arquivar o expediente, á vista das manifestas irregularidades na documentación, ou, no caso de querer levar adiante o ERE que volvera iniciar o proceso atendendo os requisitos estabelecidos na normativa que regula os despedimentos colectivos.
Aínda que Inspección elaborará un informe contraditorio, grazas as facilidades introducidas pola Reforma Laboral do PP, este xa non será vinculante. "O informe servirá para acompañar a impugnación do ERE, pero nada evitará ter que xudicializar o proceso, nada evitará que as traballadoras se vexan na obriga de ir aos xulgados para facer valer o seu dereito ao traballo e incluso o dereito a cobrar o salario polo traballo realizado", asevera.
Ademais, lembra Dores Martínez, por mor dos recortes introducidos nas coberturas do Fondo de Garantía Salarial, se a empresa se declara insolvente ou entra en concurso, "estas traballadoras non van poder cobrar nunca a totalidade da débeda salarial porque excede os máximos estabelecidos".
Marcha a pé e solidariedade da asociación de comerciantes
Ante a confirmación de que a empresa non vai pagar nin os salarios nin as indemnizacións, as traballadores vense abocadas a continuar coa folga ao longo desta semana e, cando menos, durante a próxima semana. "Pois, tal e como afirma a empresa, acudir aos seus postos sería unha prestación de traballo gratuíta", censura.
Para dar máis visibilidade á súa situación, o persoal volverá saír en manifestación mañá, mércores 15 de marzo, ás 11:00 horas dende as instalacións da empresa no Polígono Industrial de Ordes até a Alameda.
A este respecto, queren agradecer a solidariedade e o apoio da Asociación de comerciantes que se puxo en contacto con elas para coordinar a acción de mañá, de modo que os estabelecementos comerciais pecharán de 11:45 a 12:30 horas para sumarase ao percorrido da marcha a pé, ao seu paso polo centro da vila.