As traballadoras de Yaunde levan dous meses sen cobrar os seus salarios
A CIG-Servizos denuncia que a empresa Yaunde S.L. leva dous meses sen abonarlle os salarios ás súas traballadoras, que se encargan de realizar o servizo da limpeza das dependencias das Agrupacións de Tráfico da Garda Civil en toda Galiza.
A central nacionalista advirte que os impagamentos das nóminas estanse convertendo nunha práctica habitual neste sector, polo que reclama das administracións públicas vixilancia escrupulosa no cumprimento dos pregos e actuacións contundentes contra as empresas para evitar os abusos laborais a un colectivo altamente feminizado, que se evidenciou esencial durante a pandemia, pero cuxa actividade non está valorizada nin social nin laboralmente.
Yaunde -con sede social no municipio sevillano de Gines- non ten delegación en Galiza e participou no concurso vía telemática "para ao máis puro estilo pirata facerse co botín dos salarios das traballadoras", denuncia a CIG-Servizos, advertindo que "ningún representante da compañía viaxou aínda ao noso país para tratar cuestións laborais".
As irregularidades cometidas pola empresa chegan ao punto de que son as propias traballadoras as que teñen que buscar unha persoa que as substitúa para poder coller as vacacións. "Pero resulta obvio que a unha empresa que non paga salarios non quere ir ninguén traballar, motivo polo que as empregadas están condenadas a non poder ir de vacacións até que un xulgado o estableza nunha sentenza".
En toda Galiza a empresa conta con máis de 20 traballadoras, das que 6 están nos centros de Lugo, Vilalba e Monforte, e que teñen sen cobrar as mensualidades de setembro e outubro. Pero noutras comunidades autónomas o impago chega xa até os cinco meses, polo que o medo entre o persoal é que as débedas salariais continúen medrando. Dáse o paradoxo de que Yaunde ten adxudicada tamén nalgunhas provincias a limpeza da Inspección de Traballo e do FOGASA.
Responsabilidade das administracións públicas
A federación de Servizos da CIG vaise dirixir ao Ministerio de Interior para solicitarlle que inicie o procedemento para a rescisión do contrato por incumprimento do prego de condicións e cláusulas administrativas; e xa se presentou denuncia diante da Inspección Provincial de Traballo de Lugo por este motivo. Neste senso, a CIG subliña que as institucións do Estado son, como mínimo, cómplices destes incumprimentos e irregularidades "por adxudicar concursos públicos a empresas sen ningunha solvencia económica nin escrúpulos cos dereitos das traballadoras".
Para visibilizar a problemática deste colectivo, a CIG, xunto coas traballadoras, está a valorar a posibilidade de convocar folga e actos de protesta diante das administracións ás que a empresa lle presta servizos, neste caso, diante das Comandancias da Garda Civil.