As traballadoras de Women' Secret volverán á folga en demanda dunhas condicións laborais dignas
As traballadoras de Women' Secret da provincia da Coruña volverán á folga mañá, mércores 24 de xullo, para demandarlle ao grupo Tendam (propietario tamén de Cortefiel e Springfield) que reforce de inmediato os cadros de persoal para poder afrontar a carga de traballo. Para visibilizar a súa loita, as traballadoras vanse concentrar en Santiago de Compostela, ás 12:00 horas, na Praza de Galiza.
A decisión de continuar coa folga adoptouse tras o fracaso da última reunión coa empresa, que se limitou a ofertar unha suba ridícula de horas "que para nada responde ás necesidades das tendas" e que "está moi por debaixo do que pedimos".
O comité (CIG, UGT e Fetico) critica que Tendam pretendeu vender como unha mellora a consolidación de horas á que xa lle obrigou a Inspección de Traballo, pero no relativo ás demandas de cada un dos establecementos "só propuxo un incremento de 12 a 14 horas nos contratos e só para dúas das catro tendas". En total, na provincia da Coruña, Women' Secret conta con seis tendas: dúas en Santiago, dúas na Coruña, unha en Ferrol e outra en Ribeira.
A representación do persoal denuncia a instransixencia do grupo téxtil, sobre todo tendo en conta que "xa deixamos a un lado o resto de demandas (como as melloras salariais ou as licencias) para centrarnos no tema da contratación, porque é un problema gravísimo o que está pasando nas tendas", aseveran.
A este respecto, explican que dentro do grupo as compañeiras de Women' Secret son as que, con diferenza, teñen peores condicións ao punto de que é a unica cadea na que se decide mes a mes o número de horas que vai facer cada traballadora. "Pedimos cadros de persoal estábeis durante todo o ano e que non se fagan anexos (ampliacións/diminucións das horas dos contrato) cada mes. Hai compañeiras que ao cabo do ano suman até 30 anexos diferentes", destacan.
Este modelo de contratación precaria implica, por unha banda, que nunca haxa persoal suficiente nas tendas para atender o enorme volume de traballo, e doutra, que as traballadoras vivan na permanence incerteza de non saber sequera canto van cobrar cada mes, que non poidan facer os descansos dentro da súa xornada, conciliar a súa vida familiar e laboral, e que sufran uns niveis de estrés intolerábeis que repercuten na súa saúde.
Por iso, diante da negativa da empresa a atender as xustas demandas, o comité acordou manter co calendario de folgas previsto e, ademais do paro de mañá mércores, haberá folga e mobilizacións o primeiro sábado de cada mes e en datas significadas como o Black Friday.