As traballadoras de Neobel, vítimas de acoso laboral, teñen controlado até o tempo para ir ao baño
Traballadoras de Neolbel, da empresa Perfumistas de Galicia de Hermanos Alberto Recio, e compañeiras e compañeiros de CIG-servizos concentráronse esta mañá diante da tenda que a cadea ten en Santiago para denunciar a situación de acoso laboral que están sufrindo as traballadoras por parte do Xerente e a Encargada da Tenda.
Esta non é a primeira mobilización que se convoca para denunciar a grave situación que padece o persoal, que ten que aturar, segundo explicou Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos, “gritos, insultos, actitudes que atentan contra a súa dignidade persoal e profesional e mesmo que teñen que pedir permiso á encargada, que as acompaña e controla o tempo que lles leva facer as súas necesidades fisiolóxicas, cando teñen que ir o baño”.
Ademais denunciaron presións e coaccións para deixar a redución de xornada por coidado de fillo/a para que regresaran á xornada completa, cando este é un dereito legalmente recoñecido.
Esta situación provocou, tal e como explicou no decurso da concentración unha das traballadoras, que até sete das doce que conforman o cadro de persoal da tenda, colleran baixa, cinco delas psicolóxica, diante das enormes presións ás que se vían sometidas e que dúas delas xa abandonaran a empresa. Unha situación que comezou cando puxeron á fronte da perfumaría ao actual Xerente e máis a encargada.
Porén, lonxe de atallar esta situación –da que é coñecedora- adoptando medidas contra a e o responsábel desta situación, a dirección da empresa propuxo a algunhas das traballadoras traslados a outros centros de traballo fóra de Compostela.
E non só iso, chegaron mesmo a presentar unha denuncia de conciliación contra as traballadoras “para que nos botemos atrás e digamos que mentimos, que o que estamos dicindo non é verdade, que eles non nos acosan, que eles non nos controlan para ir ao baño e negando todo o que estamos denunciando, o que sería mentira porque si é certo”.
As traballadoras sinalan que desde a dirección da empresa, outra das cuestións que lles demandan é “que a CIG non estea no medio e que remitamos a recursos humanos unha notificación dicindo que é mentira e pedindo perdón publicamente nas redes sociais e nos medios de comunicación, ao xerente e máis á encargada”.
Malia isto, elas continúan coa súa batalla porque, tal e como explica Naveiro, “están convencidas de que o que se está é facendo presión para que sexan as traballadoras veteranas, que acumulan máis dereitos as que acaben marchando a custo cero”.