As traballadoras de Linorsa iniciarán unha folga indefinida nos centros de ensino da comarca de Compostela o 18 de maio
Linorsa ten a concesión do servizo de limpeza de numerosos edificios públicos dependentes da Xunta de Galiza, concellos e numerosos centros escolares en toda Galiza. Desde o mes de decembro acumula unha débeda coas súas traballadoras polo impago dos salarios, unha situación que se ve agravada pola solicitude de concurso de acredores por parte da empresa e máis polo recente embargo de 1,5 millóns de euros por parte da Axencia Tributaria.
Os centros afectados pola convocatoria de folga son: o CPI San Vicente (A Baña); o Armando Cotarelo Valledor (Boimorto); o de Pontecarreira (Frades); o Fonte Díaz (Touro); o Viaño Pequeño (Trazo) e máis a escola infantil de Sigüeiro, dependente do Consorcio.
A CIG-Servizos xa reclamou das administracións públicas no seu momento a rescisión dos contratos con esta empresa concesionaria. Neste sentido Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, alertou de que esta situación afecta a multitude de administracións públicas galegas e lembrou que a CIG leva realizadas numerosas mobilizacións para denunciar esta situación.
Alonso sinalou ademais a súa preocupación pola “incertidume” na que se atopan as traballadoras, xa que logo deste embargo, “temen que a súa situación aínda empeore máis”.
O secretario comarcal da CIG de Compostela explica que a altura do 1 de marzo remitiu un escrito á consellaría de Educación, da que dependen os CPI da comarca de Compostela antes citados, para que actuara diante do impago das nóminas das traballadoras de Linorsa, concesionaria da limpeza dos mesmos. “A única resposta da consellaría foi que, dado que non é persoal da administración, non se pode inmiscuir nas relacións laborais entre unha empresa privada e o seu persoal”.
Para Alonso é “incomprensíbel” que a Xunta, e nomeadamente a consellaría de Educación, se desentendan desta situación. Alerta de que a CIG non descarta, de non se solucionar o problema, iniciar mobilizacións, algo que Alonso lamenta e ás que preferiría non ter que recorrer, ao tratarse de “centros sensíbeis e afectar a poboación infantil”.
Por iso hoxe solicitaron dos grupos da oposición que formulen unha pregunta no parlamento pedindo explicacións ao goberno sobre a contratación a esta empresa e as xestión que está a realizar para solventar os impagos que sofren as traballadoras desde hai xa cinco meses.
Xunto a isto tamén demandaron que se articulen mecanismos automáticos de rescisión das empresas que non cumpran coas súas obrigas laborais. Unha situación que, lamentou, “se está a converter en habitual por parte de contratas das administracións públicas”.
Sete días en folga en Lugo
No marco deste conflito, as traballadoras e traballadores de Linorsa na provincia de Lugo cumpren este xoves sete xornadas en folga indefinida, cun seguimento do 100% nos servizos prestados pola empresa nos centros públicos.
Porén, dende o Comité de Folga advertiron que estarán atentos a que non se produzan actos de esquirolaxe que vulneren o dereito á folga, dados os rumores a respecto de que nun dos centros afectados polo paro, persoas alleas á empresa Linorsa procederon a facer labores de limpeza. “De detectar algún caso, de inmediato desde o Comité de Folga procederemos a denunciar o mesmo diante da Inspección de Traballo”, adiantaron.
As traballadoras dos centros de saúde e dos Puntos de Atención continuada das comarcas de Pontevedra e do Salnés tamén teñen convocada folga do 3 de maio ao 8 de maio.