Persoal de Limpintegra logra o compromiso para ser subrogado a outra empresa
As traballadoras de Limpintegra (que realiza os servizos de limpeza dos supermercados Froiz na provincia da Coruña) veñen de modificar o calendario de mobilizacións previsto en demanda do cobro dos salarios que a empresa lles adebeda, logo de conseguir o compromiso de que serán subrogadas a outra compañía a partir do día 24 de abril.
Con esta subrogación agardan poder rematar coas situación de reiterados atrasos e impago nos salarios que veñen padecendo dende primeiros deste ano. Por esta razón, e "como mostra de boa fe", acordaron desconvocar a concentración prevista para este venres diante do Froiz de San Amaro.
Porén, como explica Rocío Doce, Secretaria de Organización da CIG-Servizos Ferrol, como até o momento o único que hai enriba da mesa "é un preacordo entre empresas, e as traballadoras aínda non asinaron a subrogación", mantense a convocatoria de concentración para o día 21 de abril.