As empregadas de Limpiezas Limpuen de Ponteareas, en folga indefinida, mobilízanse para esixir o pago dos salarios
As traballadoras de Limpezas Limpuen de Ponteareas mobilizáronse hoxe diante da empresa e do Concello coincidindo co inicio da folga indefinida convocada para reclamar o pagamento dos salarios, xa que a maioría leva sen cobrar dende agosto e algunhas incluso dende xullo.
A compañía, propiedade de Jorge Rubén Díaz Veiga, ten como actividade principal a limpeza de comunidades de veciños/as, e cada unha das 28 traballadoras encárgase da limpeza de entre 6 e 10 comunidades. Dende a CIG denuncian que o empresario, ademais de non pagar as nóminas, non atende as necesidades do traballo, até o punto de que as empregadas carecen incluso do material básico para limpeza e de uniformidade.
Diante disto, o pasado mes de marzo celebrouse nunha reunión coa dirección para tentar buscar unha saída a esta situación, sen que por parte da empresa se lles ofrecera máis que a oferta de pagamento dunha parte da débeda que no se materializou. E iso a pesar de que ás traballadoras lles consta que os clientes están a pagar regularmente os servizos.
Por iso, reunidas en asemblea o pasado 7 de novembro as traballadoras decidiron por unanimidade convocar folga indefinida a partir do 16 de novembro, polo que hoxe deu comezo, rexistrando un seguimento total. Ao mesmo tempo, acordaron levar a cabo mobilizacións os días 16, 17 e 18, consistentes en concentracións ás 11:00 nas inmediacións da razón social da empresa, na rúa dos Carballos número 8 e na casa do Concello ás 12:00 horas.