As traballadoras de limpeza da Xunta mobilízanse diante do Parlamento de Galiza en demanda de igualdade

Reclaman á concesionaria salarios e dereitos laborais como os dos seus compañeiros
Compostela - 11 Xul 2018

As traballadoras de limpeza da Xunta mobilizáronse novamente este mércores, desta volta diante do Parlamento de Galiza, para demandar medidas que eliminen a discriminación laboral que sofren polo feito de ser mulleres. Así o acordaron tras fracasar a última xuntanza coa empresa adxudicataria do servizo, Grupo Norte, que presentou unha proposta que cualifican de “insuficiente e sen garantías”.

Segundo explicou Anxo Noceda, representante da CIG, na asemblea celebrada en plena rúa ao remate da concentración, a proposta trasladada pola empresa si avanza na cuestión económica mais “quedou simplemente nun incremento que non tería repercusión nas nóminas até marzo de 2020, nunha contía de 21€ mensuais, para un ano despois pasar a 42€ mensuais”.

Noceda matizou que a este incremento salarial tería dereito todo o cadro de persoal con máis de 10 anos de antigüidade. Porén, “esa contía económica, ademais de atrasarse en dous anos, tal e como pretende a empresa, realizaríase por medio dun plus salarial e de ningunha maneira contemplaría o recoñecemento da categoría profesional de peón especialista a ningunha traballadora”.

Por iso o representante da CIG considerou que “isto afondaría máis na existencia de discriminación por razón de xénero, que é unha das cuestións polas que loitan as traballadoras”.

Só por isto o persoal considera a proposta da empresa insuficiente pero ademais “queda en papel mollado ao vincularse a que a Xunta de Galiza repercuta os custos na vindeira licitación da contrata o que na práctica significaría que aínda aceptando esa proposta insuficiente estaría exclusivamente nas mans da empresa a súa non execución se esa repercusión económica non se produce dese xeito”.

Proposta do comité

O comité de empresa e o conxunto de traballadoras –e traballadores, en solidariedade coas súas demandas- reiteraron, xa que logo, a última proposta presentada na xuntanza celebrada a finais de xuño na que demandaron o recoñecemento da categoría de peón especialista, de forma inmediata, para todas as traballadoras con dous trienios de antigüidade acumulados; o recoñecemento desa categoría a todo o persoal que en diante vaia cumprindo esa antigüidade e facilidades para ir axeitando os salarios ao incremento que esa nova categoría suporía.

Así, a todas as traballadoras que adquiriran esa condición se lles recoñecería un incremento do 25% do seu salario a partir de xullo; outro 25% en xaneiro de 2019; un 25% máis en xaneiro de 2020 e o 25% restante en xaneiro de 2021.

Acordaron ademais continuar coas mobilizacións en datas que concretarán nos vindeiros días.

 

No decurso da concentración fixeron ademais entrega, no Parlamento galego, de escritos dirixidos aos distintos grupos políticos nos que dan conta pormenorizada das discriminacións que veñen denunciando nos últimos meses e a través dos que solicitan xuntanzas para sumar apoios ás súas demandas.

Nese escrito lémbrase que se produciu, por parte de Grupo Norte, “o ascenso de categoría a peón especialista dos homes que aínda non a posuían de maneira unilateral e sen consultalo e comunicalo ao Comité de Empresa”; que eses ascensos teñen unha implicación directa na súa retribución e que, porén non se lle deu, “en ningún momento esa mesma posibilidade as mulleres traballadoras”.

Do mesmo xeito denúnciase que tamén o colectivo masculino é o único que “se ve recompensado economicamente con diferentes pluses, a maiores do salario, que teñen que ver con circunstancias tales como a Perigosidade/Penosidade/Toxicidade, coa dispoñibilidade, coa localizacións (disposición de teléfonos móbiles da Empresa), responsabilidade, ....., pluses que non percibe ningunha das mulleres que se atopa nesa mesma situación”.

Por iso subliñan que desde a empresa promoveuse e promóvese “a existencia de brechas de xénero”. Unha situación que aseguran que se vén producindo desde hai anos “de tal maneira que sempre, e de xeito sistemático, aos homes, e só aos homes que cumpren determinada antigüidade na prestación do servizo se lles recoñece a mencionada categoría de peón especialista.

Diante desta evidencia entenden que “a única medida de acción positiva que pode eliminar ou compensar esta discriminación é que se opere do mesmo xeito co xénero feminino e que, polo tanto, “a todas as mulleres con categoría de limpadoras e con esa determinada antigüidade (que ciframos nun trienio) se nos recoñeza a categoría de peon-especialista”.

Aseguran que non facelo así significaría “seguir agrandando a brecha salarial por razón de xénero, xa que neste caso o feito discriminatorio non se reduce exclusivamente á simple promoción de categorías, senón ao propio sistema e requisitos que se lle esixe a un e a outro xénero para ascender de categoría”.

Afirman ademais que non sería entendíbel que agora se pretendese topar o número de traballadoras que puidesen acceder á categoría de peón-especialista cando isto, “nunca ocorreu co persoal masculino” e consideran que “o contrario significaría seguir a manter e soster indefinidamente a situación de discriminación e, polo tanto, a brecha salarial”, algo que, engaden, ocorre tamén coa percepción dos diferentes Pluses.

Exceso de carga de traballo

A estas cuestións discriminatorias engaden unha terceira que cualifican como “máis sutil” e que ten que ver co exceso de carga de traballo.

Explican que desde hai anos, por parte da Empresa non se substituían a inmensa maioría das ausencias, fundamentalmente no referido á substitucións de IT e de vacacións. “Falamos aquí tamén dunha nova discriminación porque o colectivo que con maior diferenza resulta máis damnificado por esta situación son ás mulleres traballadoras”.

Á hora de avaliar o conxunto do exceso da Carga de Traballo teñen en conta que o actual prego de condicións demanda una maior frecuencia nos servizos a prestar e que, pola contra, a Empresa non abordou o necesario redimensionamento da plantilla. “Faise polo tanto necesario, a fin de eliminar esta discriminación, abordar tanto unha política de substitucións de ausencias como un redimensionamento da plantilla”.

A todo isto engaden ademais a desviación de persoal realizada pola empresa ao obrigar a traballadores/as que pertencen a esta contrata de limpeza que fagan traballos noutros centros alleos á mesma, “o cal redunda aínda máis na sobrecarga laboral que sofre o cadro de persoal desta contrata”.

Acordos existentes

No escrito sublíñase a necesidade de adaptar a redacción dos Acordos existentes na Contrata da Limpeza da Xunta en Compostela a fin de eliminar calquera cuestión que puidera derivar directa ou indirectamente nun incremento da brecha salarial e provocar calquera tipo de discriminación por razón de xenero.

Así mesmo, e unha vez solucionada a actual discriminación de xénero demandan que se proceda á elaboración dun Protocolo de promoción de categorías que, de cara ao futuro, contribúa a garantir a non discriminación por razóns de xénero.