As traballadoras de Inditex mobilizaranse en Galiza para conseguir melloras sociais
As traballadoras de Inditex en Galiza sairán en manifestación o vindeiro día 7 de abril, ás 12:00 horas, desde a Praza de Lugo até a Porta Real. Con esta mobilización dan continuidade ás que protagonizaron hai ano e media. Daquela conseguiron melloras, fundamentalmente económicas. Agora sairán á rúa para reclamar tamén melloras sociais que as equiparen en condicións aos seus compañeiros homes.
Neste sentido, Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos, lembrou que en Inditex hai unha alta contratación feminina, mais que “a empresa segue mantendo ás traballadoras en condicións precarias”. Mentres os homes teñen xornadas completas, as mulleres teñen, maioritariamente, xornadas parciais. Unha diferenza que se nota nos salarios, pero que non é a única porque, segundo asegurou Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius, os homes, aínda de categorías inferiores, cobran tamén máis.
Por iso o que demandan agora son melloras sociais e que estas sexan trasladadas “a todas e cada unha das compañeiras”. Porén, segundo explicou Fernández, nas 3 xuntanzas celebradas até o de agora coa multinacional esta só manifestou a súa disposición a recoñecerlles ás traballadoras con máis de 20 anos de antigüidade e xornadas de 24 horas, unha redución de xornada de 12 horas, a partir dos 58 anos de idade. E para aquelas con xornadas maiores, de 12 horas ao ano.
Unha proposta que, segundo a secretaria nacional da CIG-Servizos, é irrisoria, porque apenas suporía “saír un minuto antes cada día”. Máis cando os seus compañeiros, aos 53 anos xa teñen recoñecida unha redución de xornada de 48 horas.
Xunto a esta, Inditex ofrece unha prima de vinculación, que para os seus compañeiros implica cobrar até 600€ máis ao mes. Porén, para elas, a oferta é de 1.120€ anuais en 2024; 1.260€ anuais, en 2025 e 1.400€ anuais, en 2026 a partir dos 25 anos na empresa. Unha proposta fronte a que Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara, explicou que, en realidade, quedaría en 0€ porque “absorbería os conceptos que existen actualmente por antigüidade”.
Por iso Lucía Domínguez denunciou que “non se nos ten en conta para negociar de forma madura” e considerou que Inditex “subestima a capacidade que temos para loitar polos nosos dereitos”.
Inditex ten, no Estado español, un total de 161.281 traballadores e traballadoras das que 27.000 son dependentas de tenda. Lucía Domínguez denuncia que, ademais de salarios máis altos, os seus compañeiros homes, que traballan en Loxística, teñen pluses, bolsa de vacacións, ticket de comedor, antigüidade ou redución de xornada, entre outros. Toda unha serie de dereitos aos que as traballadoras non están dispostas a renunciar e polos que si están dispostas a loitar.
Chamada a negociar
Casualmente Inditex contactou, onte mesmo, e unha vez anunciada a convocatoria de manifestación para o día 7 de abril, coa secretaria nacional da CIG-Servizos, para convidar á central sindical a participar nas negociacións que se están desenvolvendo en Madrid. A este respecto Fernández asegurou que “a CIG vai participar sempre en todas as mesas de negociación ás que nos convoquen”, mais considerou que se trata dunha oferta que pretende neutralizar a mobilización que, advertiu, “manteremos” porque “esta empresa só senta a negociar cando hai mobilizacións”.
Lembrou que hai máis aspectos nas súas demandas que a empresa non entra a valorar, como o aumento da comisión das xornadas de tarde de sábado ou a posible mellora do bono anual, e para os que abriu a posibilidade de abrir unha nova negociación en 2025. Por iso Transi Fernández considerou que “os compromisos verbais non valen” e concluíu afirmando que “o compromiso de matrimonio está ben, pero queremos ir ao xulgado a asinalo”. A secretaria nacional da CIG-Servizos, de feito, non descartou a convocatoria mesmo de paros, se non hai avances reais.