As traballadoras de H&M en Pontevedra e Vigo, á folga contra os incumprimentos do convenio
As traballadoras das tendas de H&M en Vigo e Pontevedra acordaron sumarse ás de Lugo e convocar folga, aínda que no seu caso para rexeitar os incumprimentos do convenio colectivo e desenvolverán unicamente dúas xornadas de paros, os sábados 1 e 8 de abril, nas que tamén levarán a cabo mobilizacións. Na cidade olívica haberá unha manifestación dende Vía Norte até o Marco ás 11:00 horas, mentres que na Boa Vila terá lugar nunha concentración diante do establecemento da rúa Benito Corbal ás 10:00 horas.
A esta folga promovida polo comité de empresa (CIG, CCOO e UGT) están chamadas unhas 60 empregadas das dúas tendas viguesas (centros comerciais Gran Vía e Vialia) e da tenda pontevedresa, na rúa Benito Corbal. O obxectivo dos paros é que a empresa cumpra o convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra, xa que non paga os atrasos salariais nin actualiza os soldos, ademais de non respectar as condicións sociais que establece o acordo.
“No convenio e hai unha cláusula que obriga a ter só un 25% de contratos parciais, pero non se está a cumprir, xa que habería que incrementar horas ás dependentas, algo que non se fai”, critican dende a CIG-Servizos. A central sindical xa denunciou estes incumprimentos diante da Inspección de Traballo, sobre todo a falta de pago dos atrasos salariais, “que é de obrigado cumprimento cotizar por eles”.
Pola súa banda, as traballadoras da tenda que H&M ten no Centro Comercial As Termas de Lugo acordaron ir á folga os días 3, 4, 5, 6 e 8 de abril (coincidindo coa Semana Santa) en resposta á negativa da empresa a negociar melloras salariais. A CIG-Servizos lembra que o establecemento de Lugo é unha das que mellores resultados obtén no Estado español e sempre aparece entre as primeiras en rendibilidade nas clasificacións internas que elabora a compañía sueca.