As traballadoras de DomusVi Ferrol irán á folga tres días para reclamar condicións laborais e asistenciais dignas
As traballadoras da residencia DomusVi de Ferrol acordaron facer folga os días 21 de xullo, 21 de agosto e 31 de agosto para reclamar condicións de traballo dignas e un reforzo do persoal que garanta a calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias. Coincidindo coa primeira xornada de folga, o próximo venres as traballadoras tamén se concentrarán diante do centro residencial de 10:30 a 12 horas.
Así o anunciou este martes o comité nunha comparecencia para os medios na que denunciaron a brutal carga de traballo que ten asumir o persoal e as actitudes ditatoriais da dirección do centro. Beatriz Fernández, responsábel do sector de residencias da CIG de Ferrol, lembra que os problemas neste centro de DomusVi veñen de vello e que tanto o comité como a CIG levan anos advertindo da precarización das condicións de traballo e da atención que se presta ás persoas usuarias.
"En menos de seis meses tivemos dúas directoras. A que está agora fai o que lle peta, nin informa ao comité nin ás traballadoras, entregounos un calendario de vacacións que está mal feito cando xa hai varios meses que lles dixemos que non valía, e estase cargando todos os acordos alcanzados coa representación social nos últimos anos", denuncia.
Fernández pon sobre todo o acento no alarmante déficit de persoal que obriga "a que teñamos que asumir unha carga de traballo brutal, que loxicamente repercute na atención ás persoas usuarias. Nunca tan mal se atendeu ás e aos residentes como agora, de feito xa hai denuncias por parte das familias por esta situación".
A esta precarización, engade, contribúe tamén a actitude despótica da coordinadora e o sistema de tarificación imposto pola nova dirección ao persoal, detallando en cada momento que labor ten que realizar e onde. "Determinan as tarefas sobrecargando ao persoal, dándonos un tempo que non chega para atender aos usuarias e usuarias como é debido, e sen contar sequera o tempo que tardamos en ir dunha planta a outra. Pero isto é unha residencia, traballamos con persoas, non somos unha fábrica de produción en cadea", salienta.
A falta de persoal chega ao punto, subliña Fernández, de que nas quendas de tarde só hai dúas persoas para subministrar 90 medicamentos. Fartas desta precariedade, as traballadoras acordaron convocar tres xornadas de folga parcial (de 10:30h a 12h) e pórse en contacto coas asociacións de usuarios/as para exporlles as carencias da residencia de Ferrol e solicitarlles que se sumen ás mobilizacións que se convoquen.
O comité xa solicitou reunións coa dirección para abordar estas problemáticas "pero non nos contestan. Non lles debe importar o que pasa". Neste senso, a representante da CIG insta a Xunta de Galiza a realizar as funcións inspectoras que lle son propias e que lle exixa a DomusVi que cumpra coas ratios de persoal para garantir tanto as condicións laborais como unha atención digna.
Pero o desleixo neste sector é tal, indica Fernández, que a día de hoxe aínda non se lle comunicou ao comité de folga os servizos mínimos para o paro do próximo venres.