As traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra levan as súas reivindicacións á sede de Inditex

O persoal está en folga dende o pasado xoves para esixir a aplicación das melloras laborais
Arteixo - 30 Out 2017

Traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra, que están en folga indefinida dende o 26 de outubro, trasladaron este luns até a sede de Inditex en Arteixo as súas protestas en demanda da aplicación das melloras laborais pactadas noutras provincias e rematar así coa discriminación que padecen.

O persoal desenvolveu unha concentración ás portas da sede central de Inditex, onde berraron consignas como "Bershka solución, Inditex negociación", "A igual traballo, igual salario", "Traballo en Inditex e non chego a fin de mes" ou "Amancio millonario, traballo en precario".

Dende CIG-Servizos lembran que a decisión de ir á folga indefinida foi adoptada despois de que Bershka se negase, ao igual que Kiddy's Class, a equiparar laboralmente ao persoal pontevedrés co da provincia da Coruña.

Entre os aspectos que o persoal de Bershka pretende mellorar salientan cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente. Neste senso, as traballadoras denuncian que o 90% do persoal está a tempo parcial, que cobran 130 euros menos que nas demais cadeas do grupo téxtil, que lles obrigan a realizar horas complementarias en lugar de incrementarlles a xornada, que non poden gozar nin de 15 días de vacacións en xullo e agosto, ou que cos horarios que teñen non poden conciliar a vida laboral e familiar.

Para mañá, martes, está prevista unha reunión en Santiago de Compostela coa Dirección de Recursos Humanos, mais "a folga continúa xa que de momento non hai ningún acordo", apuntaron.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.