As traballadoras de axuda a domicilio de Miño iniciarán mobilizacións se a empresa segue a incumprir o convenio
As traballadoras do servizo de axuda a domicilio do Concello de Miño, adxudicado a FEPAS (Fundación para el Estudio y Promoción de la Acción Social ) dende marzo de 2020, acordaron iniciar mobilizacións se a empresa continúa a incumprir o convenio colectivo. No servizo traballan arredor de 30 traballadoras, a maior parte delas con contratos a tempo parcial.
A empresa vén incumprindo sistematicamente o convenio colectivo, tanto no relacionado coa xornada de traballo, os descansos, a liquidación da bolsa de horas trimestrais e outras cuestións. Ademais, explica o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, FEPAS "obriga as traballadoras a realizar servizos que non lles corresponden baixo a ameaza do despedimento e dispensando un trato ao persoal que se sitúa fóra do aceptábel, pois non se respecta debidamente a dignidade das persoas".
Todos estes feitos, que xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e algúns van ser obxecto de denuncia diante dos tribunais de xustiza, teñen convertido o SAD do Concello de Miño "nun nicho de precariedade e explotación laboral".
Situación insostíbel
A representación sindical da CIG cualifica a situación de" insostíbel e intolerábel", polo que ten solicitado unha xuntanza coa dirección da empresa para esixirlle que se regularicen as relacións laborais e se cumpra escrupulosamente co convenio colectivo e tamén se pediu reunión co Concello para demandarlle que, como titular do servizo, garanta que a empresa adxudicataria cumpra a legalidade vixente. De non ser así, o persoal ten decidido emprender un calendario de mobilizacións e non se descarta a convocatoria de folga no servizo.
"Non imos permitir que esta empresa precarice as condicións do persoal dun servizo que é fundamental e que debe prestar a administración pública. Este é un claro exemplo de como a privatización dos servizos públicos provoca un deterioro destes e das condicións de traballo do persoal que o presta", denuncia Cartelle.