As traballadoras de Albo reclaman manter os seus empregos na Mariña e que se lle recoñeza o esforzo de toda unha vida
Baixo a consiga "queremos conservar os empregos na Mariña", as traballadores e os traballadores da conserveira Albo de Celeiro secundaron este mércores unha nova xornada de folga parcial e unha manifestación que saíu da factoría foi até a Delegación Territorial de Pesca e rematou no peirao do porto.
Na reunión de onte coa dirección non se produciron avances significativos, toda vez que a empresa teima no seu plan de peche e traslado da produción a Salvaterra. Neste senso, Susana Riveira, da Executiva da CIG da Mariña, sinala que a empresa amosou disposición á continuidade da actividade pero sempre e cando apareza un terceiro que se faga cargo da fábrica. Unha disposición que Riveira considera "un intento da empresa de aparentar boa fe negociadora" para cumprir así cos requisitos legais no marco da negociación do expediente de mobilidade.
Ante a negativa da compañía a estudar alternativas ao peche, a asemblea do persoal manifestou o rexeitamento á decisión empresarial, reclama o mantemento dos empregos en Celeiro e que se lle recoñeza o esforzo realizado durante todos estes anos de duro traballo. "Este persoal levan toda da vida traballando nesta fábrica e se a marca ten prestixio é grazas á súa dedicación e ao seu esforzo, que agora a empresa ten que corresponder", asevera Riveira, quen cualifica de inasumíbeis as ofertas da empresa para o traslado e as indeminizacións.
A este respecto, a representante da CIG considera un escándalo que nin a consellería de Economía nin a de Emprego se teñan interesado por esta conflito, "cando estamos falando da destrución de 42 postos de traballo directos e da desaparición definitiva dun sector como o da conserva na nosa comarca".
Por iso, volve reclamar a intervención da Xunta de Galiza "porque non queremos que a Mariña sexa un deserto industrial nin ter que vivir exclusivamente dun sector servizos totalmente estacional. Esta comarca non se pode permitir o peche doutra empresa máis".
Novas mobilizacións
Así as cousas, e tras acordarse ampliar o período de negociacións dous días máis, as traballadores e os traballadoras continuarán adiante co calendario de mobilizacións, incrementando os día de folga tamén ao luns 11 e o mércores 13 de xullo. Ademais do calendario xa aprobado, hoxe acordaron convocar manifestación o 7 de xullo dende Celeiro a Viveiro, ás 19:30 horas, na que animan a participar a toda da veciñanza da comarca para reclamar emprego e futuro para a Mariña.