As traballadoras das residencias privadas irán á folga por un convenio colectivo digno

Nacional - 04 Abr 2025

As traballadoras das residencias privadas e centros de día están fartas de aturar unhas condicións salariais e laborais de miseria, unha patronal que ten bloqueada a negociación colectiva dende outubro pasado e unha Consellaría de Política Social que ignora as súas reivindicacións de xeito reiterado.

O 10 de abril, a convocatoria da CIG, as traballadoras iniciarán un calendario de folgas e mobilizacións para demandar un convenio colectivo digno no sector, fronte ás pretensións patronais de perpetuar os salarios por debaixo do SMI e non avanzar en dereitos. 

Para o sábado 26 de abril hai convocada unha manifestación nacional en Compostela

A folga continuará o 22 abril e os días 7 e 21 de maio. Ademais, o sábado 26 de abril teñen convocada unha manifestación nacional en Compostela.

As traballadoras reclaman un incremento das súas retribucións digno, acorde co valor social das tarefas que desenvolven; complementos de IT; que se compensen os festivos, melloras sociais e a redución da xornada laboral anual.

Privatización e explotación

Demandas xustas nun sector considerado esencial na pandemia, pero agora esquecido polo mesmo Goberno da Xunta que asegurou que ía pór en marcha un novo modelo de coidados. A realidade é ben distinta: afóndase na política de privatizacións e na explotación laboral, mentres empeora a calidade asistencial ás persoas usuarias. Todo para que os grandes fondos e grupos que controlan o sector sigan a engordar os seus beneficios.

Porque aos problemas habituais da sobrecarga de traballo e a falta de tempo para ofrecer uns coidados axeitados, engádese a decisión da Xunta de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas nas residencias de maiores, malia o persoal carecer de formación e os centros non estar adecuados ás súas necesidades asistenciais.

Por iso, con esta folga tamén reclaman actuar e camiñar cara a un único marco, cara a un sistema de coidados público e garantista.