
As traballadoras das residencias mobilizaranse este venres na Coruña e Lugo por unhas condicións e unha atención digna

As traballadoras das residencias privadas continuarán neste mes de febreiro coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos e demandarlle á Xunta de Galiza outro modelo de coidados que poña no centro as persoas e non o beneficio empresarial. As protestas foron acordadas nas asembleas de traballadoras convocadas pola CIG durante o mes de xaneiro e as dúas primeiras mobilizacións serán este venres, 14 de febreiro, na Coruña e Lugo. O día 28 o calendario de accións seguirá na cidade de Pontevedra.

Así o explicaron en rolda de prensa o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, e as responsábeis do sector en Ferrol e A Coruña, Beatriz Fernández e Ana Domato. Naya lembrou que a negociación do convenio colectivo está paralizada dende o mes de outubro despois da patronal presentar unha proposta de miseria que condena as traballadoras ao SMI, non avanza na redución da xornada, non contempla melloras nas coberturas das IT, nin melloras de carácter social.
Sobre as mobilizacións deste venres, informou que haberá unha concentración ás 12h diante da residencia Serge de Láncara (Lugo), mentres que na Coruña se fará unha manifestación ás 11h dende a residencia DomusVi da Cidade Vella até as oficinas da Fundación Amancio Ortega no Obelisco.
A Xunta aposta pola precariedade laboral e asistencial
Sobre a escolla do percorrido, sinalou que DomusVi é a principal empresa que xestiona residencias en Galiza, a parte maioritaria da patronal que negocia o convenio "e quen se nega en redondo a asumir ningún tipo de mellora nas condicións de traballo e nos salarios". O punto de remate, apuntou, ten a ver coa política de mercantilización dos coidados da Xunta de Galiza.
"Política Social presume de construír novas residencias, cando son doazóns da Fundación Amancio Ortega que despois a Xunta entrega á xestión privada. Acaba de saír o prego de condicións da nova residencia de Pontevedra e nel xa contemplan, ademais de subir o presuposto, unha porcentaxe do 5% para beneficio empresarial", censurou.

Para Naya esta é a demostración clara de que "á Xunta só lle interesa seguir coa política de privatización", resaltando que en Galiza o 70% destes centros sexan privados. Criticou que este modelo de negocio cos coidados supón un "maltrato ás persoas usuarias" ao afondar no deterioro da calidade asistencial e na explotación laboral e salarial, xa que "priman as ganancias dos grandes grupos e fondos voitre sobre o benestar".
Salarios no SMI e ratios obsoletas
No relativo ás condicións do persoal, Beatriz Fernández, salientou que dende a sinatura do último convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT, os salarios perderon un 7,8% do poder adquisitivo ao pactarse subas inferiores ao IPC real. "Se a isto lle sumamos o incremento do SMI nestes anos, atopámonos con que a maioría dos colectivos están por debaixo do salario mínimo. Dá igual que leves traballando 15 anos que tres meses, non saes do SMI", rexeitou.
Esta precariedade económica esténdese tamén ás condicións laborais. Ana Domato puxo o acento na sobrecarga de traballo que o persoal ten que asumir a causa dunhas ratios obsoletas que non se axustan ás necesidades dos centros "nin permiten que tratemos as persoas residentes como merecen".
"Non traballamos nunha cadea de montaxe, traballamos con persoas, pero temos estipulado un tempo para todas as tarefas: para o aseo, para vestir, para dar o xantar, para todo, o que nos dificulta ofrecer o coidado adecuado", apuntou Fernández.

Domato expuxo que nunha quenda de mañá nunha residencia para 190 persoas, "no mellor dos casos, hai 15 auxiliares. Na quenda de noite, na maioría dos casos, hai dúas persoas para atender 150. Agora ademais, a Xunta vén de eliminar a obrigatoriedade de contar coa presenza física de persoal de enfermería as 24 horas, polo que se está pondo o persoal auxiliar de clínica a dar medicación cando non está formado para esta tarefa", advertiu Domato.
Engadiu que este sobresforzo constante deriva en enfermidades muscolo-esqueléticas que non están recoñecidas como profesionais. "Compañeiras que levan anos nesta profesión atópanse con grandes problemas de saúde pero non se lle recoñece nas baixas, por iso neste convenio tamén estamos pelexando para que se melloren as coberturas. Para nós é unha cuestión fundamental".
O problemas téñense agravado tras a decisión da Xunta de Galiza de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores debido á falta de centros adecuados. "Pero nin estamos preparada para atender este perfil de usuarios/as, nin os centros están adaptados ás súas necesidades. O estres acumúlase e padecemos situacións insostíbeis", afirmou.
Fernández e Domato reiteraron que as persoas maiores e dependentes "merecen outro tipo de coidados" e por iso tamén pediron a colaboración das familias "para que se sumen ás mobilizacións". O obxectivo, salientaron, ten que ser que todas as residencias sexan públicas e avanzar nas condicións laborais para equiparalas ás que xa ten o persoal das residencias de xestión directa.