As traballadoras das escolas infantís da Coruña iniciarán mobilizacións se o Concello non atende as súas reivindicacións

Demandan partidas orzamentarias para dignificar as condicións laborais e salariais e ofrecer un ensino de 0-3 anos de calidade
A Coruña - 17 Dec 2024

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais da Coruña advirten que iniciarán mobilizacións se o Concello continúa ignorando as súas lexítimas reivindicacións para atallar a precariedade laboral e salarial que padecen e mellorar a atención ás crianzas. As traballadoras das oito escolas (Cativos, Luís Seoane, Roseiras, Caracola, Agra do Orzán, Arela, Montealto e Carrianta) tomaron esta decisión ante a falta de resposta do concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, dando a calada por resposta á táboa reivindicativa trasladada polo colectivo xa no mes de abril.

Nesa data, a representación legal das traballadoras e a CIG-Ensino mantiveron unha reunión co concelleiro, ao que lle entregaron por escrito unha serie de demandas urxentes para mellorar as condicións laborais, tendo en conta que o vindeiro ano sairán os novos pregos do servizo. Hai que subliñar que as escolas 0-3 anos da rede municipal son propiedade do Concello da Coruña pero a súa xestión está privatizada e o convenio que se lle aplica ao persoal é o estatal de educación infantil, cuxas negociacións están estancadas dende 2021 e que contempla condicións salariais e laborais de miseria.

"Levamos dende o ano 2021 sufrindo conxelación salarial, cuns salarios por debaixo do SMI na maioría do persoal, e as nosas xornadas laborais son das máis altas de todos os convenios da ensinanza", subliñan as delegadas da CIG. Por iso, as principais reivindicacións que lle fan ao Goberno municipal van no camiño de "avanzar na mellora da calidade educativa na atención aos nenos e nenas e de ofrecer á sociedade un mellor servizo público e esencial (tal e como nos definen as administracións)".

Reclaman do Concello da Coruña que destine maiores partidas orzamentarias para as escolas infantís que repercutan directamente nas 110 traballadoras "dignificando os nosos salarios". Así mesmo, melloras do calendario escolar e dos horarios "para que tamén nós teñamos dereito á conciliación da vida laboral e familiar", e melloras de tipo social como prioridade nas prazas para as crianzas do persoal traballador das propias escolas.

Por outra banda, demandan unha baixada das ratios nas aulas, ou que se doten de parella educativa -como xa se fai nas Galiñas Azuis no propio concello-, para mellorar a vida das nenas e os nenos nas escolas e o traballo das educadoras, así como do resto do persoal. A este respecto, tamén piden asegurar unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais mediante a dotación dos recursos materiais e humanos necesarios para a detección temperá e os coidados apropiados.

Aínda que se trata de demandas básicas e lexítimas, o único que recibiron as traballadoras até agora foron boas palabras e un compromiso por parte do concelleiro de atender as reivindicacións que non se trasladou en ningunha medida concreta. Diante deste abandono, as traballadoras están dispostas a loitar polos seus dereitos e se o Concello da Coruña continúa sen atender as súas reivindicacións á volta do nadal xa avanzan que iniciarán mobilizacións.