As traballadoras das EI municipais da Coruña animan as familias a apoiar as súas reivindicacións laborais e educativas

A Coruña - 19 Feb 2025

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais da  Coruña están a desenvolver ao longo destes días un intenso reparto de follas informativas entre as familias das crianzas para darlles a coñecer as súas reivindicacións laborais e pola mellora da calidade educativa. As traballadoras fan tamén un chamamento a toda a comunidade educativa para que apoien estas xustas demandas e participen na concentración convocada para o próximo martes, 25 de febreiro, ás 18:30h en María Pita.

Entre onte e hoxe, e baixo o lema "Por un 0-3 de calidade e un salario digno", un grupo de traballadoras visitaron tres das oito escolas: Roseiras, Cativos e Caracola. O reparto continuará mañá, xoves día 20, na escola Luís Seoane e na de Montealto, onde estarán ás 8:30h e ás 9:30h. O venres irán no mesmo horario até as escolas Arela e Carricanta, rematando os repartos o luns 23 na EI da Agra do Orzán.

As traballadoras subliñan que teñen uns salarios precarios no SMI "que fan difícil chegar a fin de mes", e que padecen unha sobrecarga de traballo insostíbel a causa das elevadas ratios estabelecidas para os centros 0-3 anos e a responsabilidade que exixe esta profesión. Denuncian tamén que o 100% da súa xornada é de atención directa ao alumnado polo que non dispoñen de tempo para reunións, preparación, organización e formacións e que ademais hai unha enorme carencia de recursos para o alumnado con necesidades educativas especiais.

"As traballadoras da rede de escolas infantís merecemos exercer a nosa profesión en condicións dignas, e as nenas e nenos teñen dereito a escolas de calidade que garantan a atención e coidados", aseveran. Por iso, reclámanlle ao Concello da Coruña, que ten privatizada a xestión destes centros, solucións inmediatas "e o compromiso por unha educación de calidade na etapa 0-3".