
As traballadoras das escolas infantís da Coruña retoman as protestas ante a falta de resposta do Concello

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais da Coruña e a CIG-Ensino volven á rúa para amosar o seu descontento co Goberno local e, en concreto, coa Concellaría de Educación. O responsábel da área, Juan Borrego, na xuntanza mantida coas traballadoras a comezos do mes de marzo, comprometérase a darlles unha resposta xustificada ás súas reivindicacións en dúas semanas, pero, pasado case un mes a resposta é “que mentres non estea publicado o XIII convenio estatal no BOE, os servizos xurídicos non van facer informe e, polo tanto, non haberá dita reposta xustificada”.

Para o representante da CIG-Ensino, Henrique García, trátase “dunha contestación de mal pagador”, e supón alongar esta até que se efectivice a prórroga automática dos pregos -que rematan en agosto-, entrando dita prórroga dous meses antes, en xuño.
Explica que as traballadoras reivindican renovar os pregos xa ou, de prorrogalos como queren o Concello e as empresas adxudicatarias, “aplicar na prórroga as Táboas A) do novo convenio, así como un complemento a maiores para a dignificación dos salarios e recuperar a perda de poder adquisitivo”. García lembra que os soldos das traballadoras das escolas infantís están conxelados dende 2021 e, segundo os termos asinados no novo convenio estatal, na prórroga aplicaríanselle as Táboas B), “que van na liña de seguir cobrando o SMI”.
Cómpre indicar que no XIII convenio estatal (que a CIG non asinou) se estabelecen dúas táboas salariais: unhas máis elevadas para aplicar naqueles contratos que se renoven unha vez publicado o convenio no BOE; e outras de inferior contía para os contratos en vigor ou prorrogados.
Solicitude de reunión coas empresas
Á marxe das xestións co Concello, a parte social tamén solicitou xuntanza coas empresas que xestionan as escolas municipais “e obtivemos a calada por resposta”. As empresas, critica Henrique García, “despreocúpanse das reivindicacións das súas traballadoras e asumen a prórroga dos pregos. Así o acordaron nunha reunión as concesionarias e o Goberno municipal, de costas á parte social, e cando estas levan reivindicando melloras laborais, sociais e salariais dende hai máis dun ano”.
Este xoves 10 de abril, os grupos da oposición levarán ao pleno as demandas das traballadoras, na liña de sacar novos pregos que recollan as melloras salariais reivindicadas, redución de ratios, atención ás necesidades educativas especiais (NEAE), xornadas laborais con horas non lectivas e de preparación das aulas, e un calendario laboral e xornada compatíbel coa conciliación da vida laboral e familiar.
De non ter avances, as traballadoras están dispostas a seguir nas rúas coa súa loita, non descartando adoptar medidas máis contundentes, polo que esperan que tanto o Concello como as empresas “sexan responsábeis e miren pola mellora e calidade do servizo público que se está a dar para a cidadanía da Coruña, que nos apoia nas reivindicacións”.