As traballadoras da tenda H&M de Lugo convocan 5 días de folga en demanda de melloras salariais
As traballadoras da tenda que H&M ten no Centro Comercial As Termas de Lugo acordaron ir á folga os días 3, 4, 5, 6 e 8 de abril (en plena semana santa) en resposta á negativa da empresa a negociar melloras salariais. A CIG-Servizos lembra que a tenda de Lugo é unha das que mellores resultados obtén no Estado español e sempre aparece entre as primeiras en rendibilidade nas clasificacións internas que elabora a compañía sueca.
O persoal de Hennes & Mauritz (H&M) réxese polo convenio colectivo de comercio téxtil de Lugo, que está caducado dende finais de 2015 e polo tanto os salarios están sen actualizar dende ese ano. A central nacionalista (minoritaria no sector na provincia) leva anos reclamándolle á patronal e a CCOO e UGT que desbloqueen a negociación colectiva, mais sen obter resposta.
Á vista da nula vontade das partes para negociar un novo convenio que permita recuperar o poder adquisitivo perdido e actualizar as condicións sociolaborais, a CIG instou a H&M a negociar un acordo de melloras salariais e laborais para as traballadoras da tenda de Lugo. Porén, a empresa non aceptou ningunha das propostas trasladadas polo que as dependentas acordaron ir á folga cinco días na semana santa.
Pouco persoal para moita carga de traballo
Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, subliña que a tenda das Termas se sostén con moi pouco persoal, xa que unha parte das traballadoras marchou no ERE que a multinacional aplicou en 2021. "Dende entón, nesta tenda quedaron 18 traballadoras que teñen que atender unha carga de traballo brutal que non é compensada economicamente pola empresa", denuncia.
Castiñeira apunta ás condicións cativas recollidas no convenio do comercio téxtil, moi inferiores ás que teñen noutras provincias de Galiza. Por iso insta a H&M a abandonar a súa postura intransixente e sentar a negociar un acordo que dignifique as condicións salariais e sociais das súas traballadoras.
Desbloqueo da negociación do convenio provincial
E ao tempo, demanda da patronal e das centrais CCOO e UGT que de inmediato convoquen a mesa de negociación para renovar o convenio colectivo e actualizar as condicións de traballo e os salarios de miles de traballadoras e traballadores na provincia. Unha petición urxente tendo en conta que o empobrecemento dos salarios se viu acrecentado de forma exponencial no último ano por mor da actual crise económica, marcada pola alta inflación e o medre da carestía da vida.