As traballadoras da limpeza proseguen en Compostela as mobilizacións por un convenio digno

Un numeroso grupo de persoas concentrouse na tenda de Decatlhon, que ten contratados os servizos de limpeza con EULEN
Compostela - 28 Xun 2025

Ao berro de “convenio digno”, as traballadoras e traballadores da limpeza da provincia da Coruña continuaron este sábado coa calendario de mobilizacións en resposta ao bloqueo da patronal estatal ASPEL e a negativa a garantir un incremento salarial para este ano acorde co IPC.

Nesta ocasión, tras a protesta no Corte Inglés de Catro Camiños da Coruña e a que se fixo diante do Concello de Ferrol,  as traballadoras, armadas coas súas simbólicas fregonas amarelas, concentráronse en Compostela diante da tenda Decatlhon do Polígono Costa Vella.

O motivo de levar a protesta a Decathlon, explicou Paulo Rubido, membro da Executiva Confederal e representante da CIG na mesa de negociación, responde á estratexia de centrar as mobilizacións en empresas e administracións que teñen contratados os servizos de limpeza con algunha das grandes compañías asociadas a ASPEL, “para que saiban que é esta patronal a que obstaculiza a negociación do convenio e a que nos obriga a ir ao conflito”. Neste caso concreto, é EULEN a que realiza os servizos de limpeza en Decathlon.

Sinalou que ademais das mobilizacións, envióuselle unha carta ás principais empresas clientes de ASPEL para informar dos motivos de levar as protestas ao centros de traballo, evidenciar que a asociación patronal estatal é a responsábel de que haxa conflito e dunha posíbel intensificación deste se non hai avances que permitan chegar a un acordo de convenio digno.

Tamén se lles informa que o salario de 2025 está conxelado nestes momentos, polo que, indícase no escrito, “sería interesante que comprobaran se a empresa que teñen subcontratada na limpeza lles aplicou algunha suba este ano, que desde logo non foi empregada en subir o salario do persoal”.

Reunión o 3 de xullo

A próxima xuntanza da comisión negociadora está fixada para o 3 de xullo e será a primeira que se faga tras concluír esta primeira de xeira de mobilizacións. Neste senso, Rubido insistiu en que o incremento salarial é irrenunciábel e que trasladarán nesa mesa unha proposta para a xornada laboral.  A CIG insta a patronal estatal a abandonar a súa posición inmobilista e de bloqueo e comezar a negociar de verdade se quere evitar que o conflito vaia a máis, toda vez que a patronal provincial si acepta a suba do 2,8% para 2025.

Rubido recalcou que, a diferenza de negociacións anteriores, o sector está cada vez sindicado e organizado, e con disposición a pelexar por un convenio digno. E isto, apuntou, nótase na ampla asistencia ás mobilizacións e na resposta que están a dar as traballadoras.