As traballadoras da limpeza do Hospital Abente y Lago irán á folga indefinida dende o 11 de abril
As traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago (adxudicado á empresa Lacera) acordaron en asemblea ir á folga indefinida a partir do 11 de abril para reclamar a readmisión das cinco compañeiras despedidas e como resposta á sobrecarga de traballo que teñen que realizar.
Lacera entrou no servizo o pasado 1 de febreiro e a súa primeira medida foi deixar sen efecto a subrogación de cinco traballadoras, que teñen este dereito recoñecido e que estaban incluídas na lista de persoal a subrogar da anterior concesionaria.
A pesar das demandas da CIG para a reincorporación destas traballadoras e das solicitudes de reunión, a empresa está desaparecida e resulta imposíbel contactar con ela. "Nin hai dirección, nin ninguén a quen dirixirse. Lacera colleu o contrato e deixou abandonado o servizo”, critica o secretario comarcal da CIG- Servizos, Roberto Pérez.
Ao silencio da empresa súmase o total desleixo do SERGAS, que considera que non hai problemas no servizo e nin sequera asume a responsabilidade de obrigarlle á empresa a cumprir co estabelecido nos pregos de condicións. Por iso, esta mañá volvéronse concentrar diante da Xerencia do CHUAC (no Hospital de Doentes) para exixille que actúe e faga cumprir a legalidade.
A este respecto, Pérez denuncian que no anterior contrato o cadro de persoal xa estaba moi axustado polo que agora, con cinco persoas menos, a carga de traballo resulta insoportábel, afectando á saúde das traballadoras. Esta precariedade laboral repercute directamente no servizo e a limpeza do hospital vese resentida pola falta de persoal.
Non obstante, nin Lacera nin o SERGAS ofrecen unha solución, que pasa por cumprir os pregos de condicións e respectar os dereitos laborais reincorporando de maneira inmediata ás cinco traballadoras que non foron subrogadas.
Cómpre subliñar tamén o dobre castigo que sofren estas compañeiras xa que ademais de quedar sen emprego, ao non entregarlle Lacera carta de despedimento, están atopando serias dificultades para que o Servizo Público de Emprego lle recoñeza o dereito á cobrar o paro.
Así as cousas, as arredor de 40 traballadoras e traballadores do servizo non aturan máis abusos e acordaron en asemblea ir á folga indefinida para reclamar a readmisión das compañeiras e que se respecten os seus dereitos laborais.