As traballadoras da limpeza de Lugo, exemplo de loita por un convenio digno

Lugo - 15 Dec 2023

As traballadoras da limpeza de Lugo van camiño de cumprir dous meses en folga indefinida en demanda dun convenio digno. A súa loita constitúe un exemplo para toda a clase traballadora e, nomeadamente, unha mostra da resistencia e da capacidade reivindicativa das mulleres contra a precariedade, a parcialidade e os baixos salarios que sofren os sector máis feminizados.

A loita das compañeiras da limpeza require de toda a solidariedade da clase obreira e por iso o martes 12 de decembro a CIG celebrou unha asemblea e unha manifestación nacional de delegadas e delegados en Lugo en apoio ás súas xustas demandas. 

O persoal está en folga indefinida dende o 16 de outubro contra unha patronal estatal intransixente, que pretende manter salarios de miseria e condicións indignas

As traballadoras sosteñen unha folga indefinida dende o pasado 16 de outubro contra unha patronal estatal intransixente, que pretende manter uns salarios de miseria e perpetuar unhas condicións laborais de indignidade.

A nula vontade de ASPEL (a asociación estatal que agrupa as grandes empresas do sector como Eulen, Clece, Acciona, FCC ou Sacyr) por renovar o convenio fíxose evidente dende o primeiro momento ao dilatar a constitución da mesa negociadora e presentando despois unhas propostas totalmente inasumíbeis para o persoal, xa que suporían seguir deixando as táboas do convenio por debaixo do salario mínimo, ademais de pretender recortar a antigüidade.

Capacidade de resistencia

En resposta ás agresións patronais, a asemblea das traballadoras acordou mobilizarse co convencemento de que a loita é o único camiño para avanzar nos dereitos e na mellora das condicións laborais. É de salientar a súa capacidade de resistencia, soportando os menosprezos de ASPEL (dende o inicio do paro só houbo tres reunións coa patronal, unha delas no marco da mediación solicitada pola parte social), a incomprensión social e o abandono das administracións, que máis alá das declaracións institucionais seguen sen tomar parte activa no conflito, a pesar de seren as principais contratistas destes servizos.

Pero tras case dous meses en folga indefinida, as compañeiras nin se renden nin se resignan, manténdose firmes na súa loita até lograr un convenio digno.