As traballadoras da limpeza concéntranse diante do Concello de Ferrol en demanda dun convenio digno

Denuncian a postura inmobilista da patronal estatal ASPEL que se nega sequera a garantir subas acordes ao IPC
Ferrol - 19 Xun 2025

Dentro do calendario de mobilizacións programado e armadas coas súas fregonas reivindicativas, as traballadoras da limpeza continuaron ese xoves en Ferrol as protestas para reclamar un convenio colectivo digno e responder así ás pretensións da patronal estatal ASPEL de consolidar a precariedade e a pobreza salarial no sector.

As medidas de presión, explica Paulo Rubido, da Executiva da CIG, están centradas en empresas e administracións que teñen contratados os servizos de limpeza con algunha das grandes compañías asociadas a ASPEL “para que saiban que é esta patronal a que obstaculiza a negociación do convenio e a que nos obriga a ir ao conflito”.

Nesta ocasión a concentración trasladouse até as portas do Concello de Ferrol, que ten adxudicado o servizo de limpeza ao grupo CLN, e xa se adiantou que a próxima mobilización será o sábado 28 de xuño, ás 18:00h, diante do Decathlon de Santiago de Compostela.

Tras máis dun ano de negociación do convenio provincial da Coruña sen poder asinar un acordo, Rubido critica a “posición inmobilista” de ASPEL, que se nega sequera a garantir subas salariais acordes ao IPC e cuxa pretensión é “deixar o sector no salario mínimo interprofesional”. Un obxectivo que, asevera, nin o persoal do sector (na súa gran maioría mulleres) nin a CIG van consentir.

Salienta que o sector está máis organizado e sindicado que na última negociación e que polo tanto “ten maior capacidade de mobilización e disposición a loitar por un convenio digno” para un sector esencial pero que a gran patronal quere manter en condicións de absoluta miseria.