As traballadoras da Escola Infantil Merlín seguen en loita para exixir o cobro dos seus salarios
As traballadoras da Escola Infantil Merlín (situada en Bertamiráns, no Concello de Ames) proseguiron na tarde deste mércores coa súa loita para cobrar os salarios que lles debe a empresa do mes de maio e de xuño e para que se garanta a viabilidade desta. Malia esta situación “insostíbel” manteñen a súa profesionalidade acudindo día a día a traballar e incluso reorganizando o seu período de vacacións para que a escola poida seguir funcionando dado que a empresa non contratou persoal suficiente.
As contas que lles foron entregadas a pasada semana á delegada de persoal e á CIG-Ensino non revelan que a empresa non sexa viábel, "senón que existe un problema de xestión porque, entre outras situacións anómalas, hai gastos e accións que a empresa sigue sen poder xustificar correctamente".
Ante esta situación o colectivo de traballadoras manifestouse onte á tarde polas rúas de Bertamiráns, nunha marcha que contou, de novo, co apoio das familias usuarias que están a ser nestes momentos, xunto cos nenos e nenas, “o motivo polo que seguimos vindo a traballar cun sorriso”.
A marcha transcorreu desde as instalacións da empresa até o Concello e rematou cunha intervención tanto do secretario comarcal da CIG-Ensino como da delegada de persoal. Ambos instaron a Xunta a tomar medidas, dado que se trata dunha empresa que recibe unha subvención do 100% do custe da súa actividade e presta un servizo esencial, como é a atención da poboación de 0 a 3 anos.
Así mesmo, anunciaron que recorrerán á Inspección de Traballo e á xustiza de ser necesario, sen renunciar a seguir mobilizándose. Baixo a consigna “Polo traballo feito, o salario é un dereito”, anunciaron unha nova concentración para o martes 23 deste mesmo mes de novo diante da escola.
As traballadoras aseguran estar “fartas da incerteza e de que cada día se lles diga unha cousa distinta, desde que a escola se vai traspasar até que vai continuar a actividade e que solicitarán a subvención para o vindeiro curso”. Neste sentido, esta última solución entenden que é “pan para hoxe e fame para mañá” porque o diñeiro que se recibiría este mes de xullo realmente é para pagar os seus salarios a partir de setembro e non os atrasos, polo que de novo se volverán atopar con problemas nos próximos meses.