As traballadoras da empresa Copo Galicia cobran de salario base 6000 euros menos ao ano que os seus compañeiros homes

​A Secretaría das Mulleres da CIG desenvolveu hoxe a primeira das protestas previstas na campaña ‘Imos rematar coa fenda salarial’
Mos - 29 Mai 2023

Arredor de 200 delegadas e delegados da CIG participaron hoxe na mobilización convocada pola Secretaría das Mulleres diante da empresa Copo Galicia, con sede en Mos, para denunciar a “inaceptábel situación de discriminación” que padecen as traballadoras desta compañía da automoción, xa que ingresan de salario base uns 6000 euros menos ao ano que os seus compañeiros homes. A protesta fai parte da campaña que vén de poñer en marcha a central sindical no conxunto do país baixo o lema 'Imos rematar coa fenda salarial' co obxectivo de denunciar esta situación e de visibilizar unha problemática que se repite en todos os sectores.

Esta acción reivindicativa, na que participou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, comezou ao mediodía diante das instalacións da empresa, onde se despregou unha faixa co lema da campaña e se berraron consignas como “Copo Galicia, soluciona esta inxustiza”, “Ao igual traballo, igual salario”, “Non somos escravas, somos traballadoras” ou “Patriarcado e capital, alianza criminal”.

A continuación tivo lugar unha manifestación até as oficinas do Grupo Copo, situadas nas inmediacións, onde a secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, se dirixiu ás numerosas persoas participantes para explicarlles que preto da metade do cadro de persoal de Copo Galicia son mulleres, sendo a empresa co cadro de persoal máis feminizado do Grupo. “A compañía asigna os diferentes traballos en función do xénero das persoas, ocupando as mulleres os postos ligados a costura e os homes os postos de mantemento ou de fabricación. Esta diferenciación válelles como base para aplicarlles ás mulleres o convenio da industria téxtil e aos homes oda industria química”, censurou.

De xeito que as mulleres -contratadas principalmente na categoría de especialistas do convenio de industria téxtil- cobran o salario mínimo en concepto de salario base segundo o convenio. Mentres que os homes, contratados nos grupos 2, 3 e 4 do convenio da industria química, ingresan arredor de 20.000 euros anuais. “O que supón unha diferenza duns 6000 euros anuais só no salario base, representando unha fenda do 30%”. Ao que hai que sumarlle que a xornada anual das mulleres é de 66 horas ao ano superior, polo que traballan 8,25 días máis ao ano por menos diñeiro.

Convenio de empresa

Por iso reclamoulle á dirección que lle aplique o mesmo convenio colectivo a todo o persoal de Copo Galicia e que se constitúa unha mesa para a negociación dun convenio de empresa que iguale as condicións laborais do conxunto das persoas traballadoras do Grupo. “Esta empresa ten que rematar coa discriminación por razón de xénero e deixar de contratar e tratar as persoas traballadoras de xeito diferente polo feito de ser mulleres ou homes”.

Neste senso, lembrou que Copo Galicia é a única das tres compañías que integran o Grupo Copo na provincia de Pontevedra (xunto a Centro Tecnolóxico e Copo Ibérica) que non ten na actualidade un convenio de empresa propio.