As traballadoras da EI Merlín seguen sufrindo impagos e teñen sen cobrar as nóminas de novembro e decembro

CIG-Ensino denuncia a mala xestión e subliña que a empresa conseguiu de novo a subvención para escolas infantís 0-3 da Xunta
Ames - 22 Xan 2025

A CIG-Ensino denuncia unha vez máis a situación na que continúan as traballadoras da Escola Infantil Merlín de Ames, con continuos impagamentos e incumprimentos de convenio.  A día de hoxe, a escola adebeda as nóminas de novembro e decembro a todas as traballadoras. Esta escola, xestionada polo empresario Carlos Porto Santoro, vén de recibir unha nova axuda, por valor de 190.000 euros por parte da Consellería de Política Social da Xunta para o curso 2024-2025.

A situación segue a ser insostíbel para o conxunto das traballadoras que, “fartas da incerteza e de que a empresa continúe sen moverse e buscar solucións reais” exixen unha solución inmediata á xerencia da escola. Cómpre lembrar que as traballadoras levan sufrindo atrasos inxustificados e incumprimentos da normativa laboral desde hai máis de ano e medio, o que está a provocar unha grave situación de desgaste físico e mental na súa saúde, alén dun prexuízo no servizo para as 40 familias que levan as súas crianzas a esta escola.

Inspección de Traballo expedentou e sancionou a empresa polos impagamentos, a falta de coordinación directiva e outros incumprimentos

 A CIG-Ensino denuncia a “pésima xestión” dos propietarios da EI Merlín que, en ano e medio, e con cuantiosas subvencións públicas para a actividade da escola non son quen de, tan sequera “pagar unhas nóminas a tempo”. A este respecto, cómpre informar de que as contas que lles foron entregadas hai unhas semanas á delegada de persoal e á central sindical "revelan o que xa sabemos, que a empresa é viábel  (no último trimestre tivo un beneficio de 5.000 euros), mais hai un claro e grave problema de xestión, xa que entre outras situacións anómalas, hai gastos e accións que a empresa segue sen poder xustificar correctamente".  

A este respecto, tanto a CIG-ENSINO como o conxunto de traballadoras denunciaron a finais do curso pasado esta situación ante a Inspección de traballo, que vén de expedentar e sancionar a esta empresa polos impagamentos, a falta de coordinación directiva e outras cuestións.

Accións a tomar

As traballadoras continuarán a súa folla de ruta mobilizadora para acadar a normalidade nos seus postos de traballo con vindeiras concentracións, solicitudes de reunión á Consellería de Política Social, novos escritos de denuncia ante Inspección e tamén cunha visita ao Parlamento de Galiza en próximas datas para explicar a situación que están atravesando. 

“Están en xogo tanto varios postos de traballo como un servizo esencial para 40 familias de Ames”, expresa Silvia González, representante de persoal da escola. Lamenta unha vez máis a falta de diálogo do empresario coas traballadoras, quen “lles solicitamos dende hai meses ser informadas periodicamente das supostas negociacións que di ter con varias persoas interesadas no traspaso da escola. Sabemos de varias persoas e empresas que estaban dispostas a asumir a xestión desta escola, xa que saben que é perfectamente viábel, mais sempre se atoparon con atrancos económicos de traspasos inasumíbeis por parte do empresario actual” asegura.

O traspaso é unha das solucións máis viábeis e por iso as traballadoras emprazan o empresario a que acepte as propostas que están enriba da mesa

 “Tanto o empresario como nós sabemos que o traspaso é unha das solucións máis viábeis e positivas e por iso o emprazamos a que nos convoque ás reunións para o mesmo e que acepte as propostas que están enriba da mesa”, sentenciou.

Fartas da incerteza de non saber cando cobrar

Sobre o estado das traballadoras, apunta que "estamos desoladas, exhaustas da incerteza de ter que asistir todos os días ao noso posto de traballo e non saber nunca cando imos cobrar”. Tamén se amosan sorprendidas de que a Xunta, nomeadamente a Consellería de Política Social e Igualdade volvese a darlle a subvención polo 100% da actividade a esta empresa, coñecedores das súas prácticas en cursos pasados e nomeadamente informados por parte da Inspección de Traballo das sancións impostas á mesma. Inciden en que solicitarán unha reunión coa Consellería para poñer de novo en coñecemento a situación e buscar alternativas.

Manifesta que “non aceptaremos de novo o pan para hoxe e fame para mañá que promete a empresa, afirmando que chegará en breve unha parte da subvención coa que pagarán as nóminas adebedadas”, pois esa subvención debe ser para pagar as seguintes nóminas e non os atrasos provocados unicamente pola mala praxe e xestión da empresa.  Cómpre lembrar que  o persoal traballador da escola vén sufrindo esta situación dende hai  un ano e medio,  tempo onde convocaron até tres xornadas de folga e cinco concentracións, entre outras accións mobilizadoras cun grande apoio da comunidade educativa da escola infantil.