As traballadoras da Ceboliña logran coa súa loita a readmisión das compañeiras e recuperar os dereitos
Despois de oito meses de conflito, das múltiples denuncias feitas polas traballadoras da E.I. "A Ceboliña" e pola CIG-Ensino diante do Concello de Miño, da Inspección de Traballo, da Consellaría de Política Social e dos Xulgados do Social, así como das concentracións contra a empresa Novo Alicerce (que xestionaba este servizo educativo cunha total incompetencia e mala fe, non respectando e incumprindo os dereitos laborais e salariais recollidos en convenio colectivo, así como os pregos do contrato); o novo Goberno municipal pon fin a esta problemática, dándolle a xestión da escola infantil a Fesán, que comeza a prestar o servizo dende este luns, 2 de setembro.
Deste xeito, aténdense as reivindicacións e os dereitos das traballadoras coa readmisión das tres compañeiras despedidas (unha delas a delegada sindical), a reposición dos dereitos laborais e salariais, e o compromiso do Concello de abonar até tres meses de salario pendente de pago e as faltas nas cotizacións á Seguridade Social.
Remata por fin este pesadelo que tiveron que soportar as traballadoras, restituíndose os seus dereitos (algúns deles xa recoñecidos polas administracións públicas en resolucións), lexitimándoos e facéndose xustiza ante os abusos, incumprimentos, incompetencia e mesmo nalgúns casos asañamento das empresarias de Novo Alicerce con algunha traballadora.
Novo Alicerce incumpría os pregos e o convenio
Entre os incumprimentos denunciados, que o anterior Goberno municipal permitía actuando cunha total complicidade coas empresarias de Novo Alicerce, cómpre destacar os atrasos no pago das nóminas (chegaron a estar até tres meses sen cobrar e a día de hoxe débenlle os salarios dende xuño), incumprimento do establecido en convenio a respecto do uso do comedor, da entrega de roupa, do abono dos trienios, falta de negociación do calendario de vacacións, non se facían as substitucións das ausencias do persoal (malia haber no prego unha partida económica fixa para cubrilas) polo que se obrigaba ás traballadoras a dobrar quendas ou facer horas extras, etc.
Pero ademais, logo de revisar o prego do contrato entre empresa e o Concello, a CIG-Ensino detectou outra serie de incumprimentos, a parte dos xa mencionados, dos que hai que resaltar que Novo Alicerce non respectaba a estabilidade do cadro de persoal, non entregaba o material preciso para o traballo diario coas crianzas, polo que eran as propias educadoras as que tiñan que mercalo, e o mesmo pasaba coa programación didáctica e o material pedagóxico, que estaban elaborando as educadoras, "cando é unha responsabilidade da mestra ou directora pedagóxica; é dicir, era unha competencia das dúas propietarias da empresa, que non estaban atendendo as súas obrigas". Xunto a isto, a CIG-Ensino denunciou que nos patios non se mantiña a limpeza e o entorno saudábel requirido nunha escola infantil.
Unha loita constante que dá os seus froitos
"Dende a CIG-Ensino, queremos resaltar a valentía, constancia, esforzo, capacidade, paciencia e enteireza amosadas pola delegada sindical e as traballadoras da escola infantil, congratulándonos polo éxito acadado grazas á loita constante polos dereitos laborais e salariais, contra os despedimentos e contra os abusos e as inxustizas laborais e humanas que estiveron a padecer".
Ademais, a CIG-Ensino recoñece e agradece ao Concello e á nova empresa a comprensión e confianza amosadas cara ás traballadoras, repoñendo "unhas inxustizas impropias de quen xestiona calquera empresa e menos nun servizo público, pois xa non se trata só de que Novo Alicerce despedira arbitrariamente e non respectara os dereitos das súas traballadoras, senón que tampouco cumpría co servizo público que xestionaba, e isto é algo moi, moi grave", denuncia Henrique García, da CIG-Ensino.
Deste xeito, o Concello de Miño non podía desentender nin obviar esta situación "cando estamos a falar dun servizo público municipal como este, pois hai que lembrar que o propio prego de condicións recolle como sanción á empresa a retirada do servizo, en caso de incumprimentos graves".
Pular por un convenio galego de sector
Nesta liña, García resalta que a loita sindical e conxunta sempre dá os seus froitos, polo que lanza un chamamento a todas as traballadoras do sector a organizarse e unirse na pelexa por un convenio digno e xusto, "cuxa única saída esta na procura dun convenio galego". Así quedou demostrado, sinala, coa sinatura do XII convenio estatal (que ao igual que nos convenios estatais anteriores asinados por todos os sindicatos españois) "no que os sindicatos asinantes venderon os/as traballadores/as e como mínimo até o ano 2022, que vai estar en vigor".
Por iso chama á organización sindical nas empresas e a escoller a representación sindical da CIG-Ensino, "co compromiso de mobilizar o sector para forzar a creación dunha mesa de negociación a nivel galego que dignifique as condicións laborais na Galiza".
Carta aberta das 6 traballadoras afectadas no conflito: Teresa, Sonia (delegada sindical), Elena, Silvia, Jamaica e Carmen
As traballadoras da Escola Infantil A Ceboliña queremos agradecer e recoñecer o esforzo e o bo facer do novo Goberno municipal de Miño (en especial ás concelleiras Yolanda e Emma) que apelaron ao sentido común e se empeñaron en reconducir unha situación que parecía que non tiña encarrilamento, recoñecéndose así a razón das nosas denuncias e reivindicacións, e pondo fin á mala xestión e enrocamento da empresa que creou estes conflitos laborais infundados e inxustos.
Non comprendemos como unha empresa pode xogar así, en 1º lugar, coa educación e a atención aos nenos e nenas que durante 8 horas ao día coidamos como se foran nosos e nosas, e en 2º lugar, cos dereitos das traballadoras, que con moito esforzo e profesionalidade realizamos día a día, cunhas condicións laborais dun convenio do máis precario.
Así mesmo, tamén queremos agradecer á nova empresa, Fesán, a confianza depositada en nós, e que, como boas profesionais e traballadoras que sempre fomos e somos, imos seguir sendo, coa nosa dedicación, profesionalidade e o esforzo no traballo educativo e de atención aos “nosos nenos e nenas”.