“As reformas aplicadas polos gobernos están provocando o empobrecemento dos e das pensionistas”
Galería de imaxes das concentracións
Durante as protestas, o colectivo denunciou que as políticas de recortes aplicadas nos últimos anos reduciron as prestacións sociais públicas, as pensións, os servizos á terceira idade e a atención á saúde e á dependencia. Ademais, as sucesivas reformas aprobadas -primeiro polo PSOE e logo polo PP- están a dificultar o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as das persoas que acceden ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.
A isto hai que engadirlle, continúan, a imposición dos repagamentos, a retirada de medicamentos moi usados do financiamento público e o recobro daqueloutros que se receitan nas farmacias dos hospitais, “medidas que afectan especialmente os/as pensionistas e os/as enfermos/as crónicos/as e que se converten nun novo imposto á enfermidade e nunha grave dificultade para acceder á medicación aumentando o sufrimento das persoas”.
Galiza segue tendo as pensións máis baixas
O colectivo da CIG subliña que os/as pensionistas galegos/as manteñen unha diferenza negativa con respecto á pensión media do Estado español e que as mulleres sofren discriminación tamén nas pensións contributivas por teren unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización. Circunstancia que se traduce en que unha de cada catro mulleres maiores de 65 anos se encontre baixo o limiar da pobreza.
Segundo os datos da Seguridade Social, a 1 de febreiro de 2016, en Galiza hai 753.060 pensións contributivas cunha retribución media de 757,73 euros, Unha contía moi por debaixo da media do Estado, situada nos 898,01 euros. Deste xeito, Galiza é a segunda comunidade coas pensións máis baixas, só superada por Estremadura.
Esta diferenza, en lugar de corrixirse, vaise profundando xa que, durante varios exercicios, optouse por non revisar o importe nominal das pensións, ou por facelo por debaixo da inflación, chegando mesmo a incumprir a lei para evitar a súa actualización en función da desviación do IPC. Ademais, a última reforma das pensións executada polo PP elimina a referencia ao IPC para incrementar as pensións, estabelecendo un complexo e manipulábel sistema de cálculo para a revalorización das mesmas.
Deste xeito, nun futuro próximo, as pensións quedarán reducidas nun 20% baixo argumentos falaces como o aumento da esperanza de vida. “Todas estas reformas están ocasionando o empobrecemento dos e das pensionistas”, alertaron.
Finalmente, o colectivo de Xubilados e Pensionistas puxo un valor o rol social das persoas maiores que nuns casos actúan como coidadores dos máis cativos e mesmo como sostén económico do grupo familiar debido á situación de desemprego ou á ausencia doutras rendas dos demais membros.