As recomendacións do Pacto de Toledo consolidan os peores aspectos das reformas das pensións de 2011 e 2013
Ante o debate próximo debate no Pleno do Congreso das Recomendacións feitas pola Comisión do Pacto de Toledo a respecto do sistema público de pensións, a CIG amósase moi crítica con estas propostas, xa que van encamiñadas a consolidar as regresivas reformas aprobadas nos anos 2011 e 2013 e non garanten o reforzo do sistema público. Malia a propaganda arredor de ditas recomendacións, o certo é que, agás a recuperación do índice de revalorización ligado ao IPC, o resto dos recortes fican intocábeis e incluso se actualiza algún aspecto de cara a avanzar nun novo retallo das pensións públicas.
Neste senso, tense destacado a ampliación do período do cálculo para a base reguladora pero omítese calquera mención á derrogación do "factor de sustentabilidade", pretendendo que se manteña aínda que hai un acordo político para adiar a súa aplicación. Este é un dos elementos máis regresivos da reforma de 2013 (que xa estaba contemplado na reforma de 2011) pois implica que a máis esperanza de vida, menos pensión cobraremos.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, estas recomendacións "abstráense dos elementos máis prexudiciais das reformas anteriores e incorporan declaracións para encubrir os seus verdadeiros fins, entre outros, a prolongación da idade de xubilación máis alá dos 67 anos, ou cando menos consolidar a base dos 67 a conta da necesidade de achegar a idade de xubilación real á legal".
Ademais, para Carril resulta moi definitoria a omisión á modalidade de xubilación parcial e a que se eliminen as actuais discriminacións e dificultades de acceder á esta, "aínda sendo unha modalidade de xubilación de múltiples beneficios para acceder dignamente á xubilación e como vía para crear emprego e cotizantes novos á Seguridade Social".
Tampouco se recollen nestas recomendacións mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que a CIG considera debería ser equivalente ao SMI, entendendo que o salario mínimo ten que ser o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Asumir este principio suporía elevar o SMI até os 1.142 euros/mes.
O eufemismo do sistemas complementarios
Un dos aspectos máis comentados destas recomendacións refírese aos sistemas complementarios. "Trátase dun eufemismo para non chamarlle directamente sistemas privados. Fomentar este tipo de plans constitúe un dos obxectivos fundamentais da próxima reforma das pensións, que ademais é unha das esixencias da UE para acceder aos fondos de reconstrución", apunta Carril.
Tras o fracaso dos plans privados a través das entidades financeiras, agora preténdense darlle unha volta fomentando os sistemas complementarios na negociación colectiva (o que se denomina segundo piar do modelo de pensións), "para na práctica estabelecelo como un modelo substitutivo do sistema público". Para isto, válense de falsos chamamentos á recuperación de salarios e fortalecemento da negociación colectiva, "que resultan imposíbeis se continúan vixentes as reformas laborais de 2010 e 2012, e se a superación da crise se formula co coas actuais medidas inxustas", advirte Carril.
Con todo, para Carril o máis grave deste modelo, aínda que non aparece reflectido nestas recomendacións, sería que o propio Estado achegara fondos para fomentar eses sistemas complementarios. Nesta liña, alerta que este modelo xerará un trato discriminatorio entre traballadores/as e converterase nun novo elemento de discriminación entre as persoas traballadoras en función dos seus ingresos salariais.
Sobre o chamamento a simplificar os réximes de Seguridade Social, Carril alerta que supón un gran problema, con maior incidencia no caso de Galiza, polas graves consecuencias que ten o desmantelamento e a eliminación do réxime especial agrario que agora se podería estender ao réxime especial do mar.
Separación de fontes e transferencia a Galiza
Si coincide a CIG coa necesidade de separar as fontes de financiamento, quitando das contas da Seguridade Social custes que non lles son propios e que distorsionan o seu equilibrio financeiro. Non obstante, cando se fala de cotizacións sociais que deben ser destinadas exclusivamente a financiar as prestacións contributivas, a CIG defende seguir incluíndo a de orfandade e viuvez, para evitar que se lle queira dar un carácter non contributivo, e polo tanto de beneficencia.
De igual xeito, a CIG anima a aproveitar a recomendación número 8 (sobre a xestión do sistema) para formular a proposta de transferencia a Galiza da xestión do réxime económico da Seguridade Social, unha reivindicación que a central nacionalista vén demandando dende hai anos. Para Carril o recollido neste punto sobre a recuperación e renovación dos cadros de persoal constitúe tamén unha oportunidade para demandar, tamén aquí, a eliminación da taxa de reposición na Lei de Orzamentos.
Sen achegas para rematar coa discriminación das mulleres
No relativo ás mulleres, a Comisión do Pacto de Toledo non achega elementos concretos para rematar coa discriminación que sofren as mulleres á hora de acceder a unha pensión, nin se fai mención aos contratos a tempo parcial para resolver e buscar un paquete de medidas ante os abusos patronais por infracotización ou falla de cotización, que no caso das traballadoras galegas ademais é particularmente grave. Tampouco se achega solución para as empregadas do fogar, que segue a ser un dos colectivos máis desprotexidos en canto á coberturas e prestacións.
Finalmente, o secretario xeral da CIG, critica o chamamento continuado que se fai ao diálogo social, negando o papel legal dos órganos de representación tripartitos conforme á LOLS e eliminando así do debate as centrais sindicais molestas como CIG e a ELA, e recorrendo ao diálogo social como vía do sistema para edulcorar duras reformas.