As raíces de Israel no colonialismo europeo explican a súa ideoloxía xenocida
A campaña de destrución xenocida que as forzas israelís apoiadas polos Estados Unidos están a desatar en Palestina en 2024 está lonxe de ser nova: é a continuación dun proceso de séculos de colonialismo occidental
Israel está a levar a cabo un xenocidio en Gaza. Isto é precisamente o que determinaron numerosos expertos das Nacións Unidas.
Varios países uníronse a Suráfrica nun caso ante a Corte Internacional de Xustiza acusando a Israel de cometer xenocidio contra o pobo palestino, e os xuíces da Haia declararon que é “plausíbel” que Tel Aviv estea a violar a Convención sobre Xenocidio.
Altos funcionarios israelís fixeron chamamentos xenocidas á eliminación do pobo palestino, ao que demonizan como “animais humanos” . O ministro de Finanzas israelí de extrema dereita, Bezalel Smotrich, sostivo que sería “xustificado e moral” deixar morrer de fame os dous millóns de civís palestinos de Gaza (con todo, lamentou que a comunidade internacional non o permitise).
Algunhas persoas que non seguen de preto a xeopolítica están completamente confundidas acerca de como un estado que di representar o pobo xudeu (aínda que moitos xudeus en todo o mundo se opoñen a el) puido cometer crimes tan atroces, despois de que os xudeus europeos sufrisen un xenocidio horríbel a mans da Alemaña nazi e os seus aliados fascistas.
Para entender o flagrante xenocidio que Israel está a levar a cabo hoxe en Gaza, co pleno apoio do goberno dos Estados Unidos e da meirande parte de Europa, é importante estudar a historia do sionismo –o movemento que buscou estabelecer un etnoestado xudeu– e recoñecer as raíces do sionismo no colonialismo occidental.
Contrariamente á crenza popular, Israel non foi fundado como resposta á barbarie do Holocausto nazi. O imperio británico xa apoiara a creación dun réxime colonial israelí na Palestina histórica tres décadas antes, na Declaración Balfour de 1917, nun momento en que Europa estaba colonizando Asia occidental (un termo máis axeitado para Oriente Medio).
Non é casualidade que a Declaración Balfour se producise inmediatamente despois do Acordo Sykes-Picot de 1916, no que os imperios británico e francés repartiron o territorio do imperio otomán e estabeleceron as súas propias colonias en Asia occidental.
Mapa dos territorios que os imperios británico e francés controlarían segundo o Acordo Sykes–Picot de 1916
O sionismo inspirouse directamente nos movementos colonialistas europeos do século XIX. O “pai fundador” do movemento sionista político, Theodor Herzl, escribiu unha carta a Cecil Rhodes, o colonizador xenocida de África (de quen se deu o nome a Rhodesia), pedíndolle axuda para colonizar Palestina. Na carta, Herzl gabábase de que o sionismo era “algo colonial”.
Para tranquilizar os seus patrocinadores coloniais europeos, Herzl insistiu en que Israel (ao que chamou “Der Judenstaat”) “formaría parte dun muro de defensa para Europa en Asia, un posto avanzado da civilización contra a barbarie”.
Esta é a mesma linguaxe colonial que segue utilizando hoxe o líder máis lonxevo de Israel, o primeiro ministro de extrema dereita Benjamin Netanyahu. “Estamos a protexelos”, dixo Netanyahu ao Congreso de Estados Unidos nun discurso en xullo de 2024. “Isto non é un choque de civilizacións. É un choque entre a barbarie e a civilización”.
Aínda que os partidarios de Israel no século XXI adoitan restar importancia ás raíces coloniais do Estado, os dirixentes sionistas orixinais estaban orgullosos da súa ideoloxía colonialista; non a agochaban. Un influente grupo sionista axiña se autodenominou Asociación de Colonización Xudía de Palestina.
Un dos principais aliados políticos de Herzl foi o Secretario de Estado británico para as Colonias, Joseph Chamberlain, un colonialista ideoloxicamente comprometido e enchoupado de sangue que se opuxo violentamente á soberanía de Irlanda e aterrorizou os pobos que vivían baixo o dominio colonial británico en África.
De feito, o imperio británico inicialmente considerou a posibilidade de crear un réxime sionista en Uganda, país que tamén colonizara no leste de África, antes de se estabelecer máis tarde en Palestina. A Declaración Balfour de 1917 do Reino Unido deu luz verde para crear Israel mediante a colonización de Palestina, novamente, décadas antes da Segunda Guerra Mundial e o Holocausto nazi.
O frenesí fascista do réxime israelí hoxe ten máis sentido cando se entende que tanto o sionismo como o nazismo se orixinaron no colonialismo europeo.
Os nazis querían colonizar Europa do Leste para ter “Lebensraum” (espazo vital), e trataron de matar e limpar etnicamente os habitantes da rexión para lles roubarlles as terras; do mesmo xeito que os sionistas queren colonizar a Palestina histórica e outras partes de Asia occidental para expandir o “espazo vital” do seu propio etnoestado supremacista, matando e limpando etnicamente aos habitantes indíxenas para lles roubar as terras.
As semellanzas do sionismo co fascismo quedaron claramente demostradas o mesmo ano en que se fundou Israel, en 1948, mediante a cruenta limpeza étnica dos palestinos (coñecida como Nakba, a palabra árabe que significa “catástrofe”).
Nada menos que Albert Einstein comparou a Israel coa Alemaña nazi da época. En decembro de 1948, Einstein (que ademais de ser un físico recoñecido era un socialista comprometido) escribiu unha carta no New York Times xunto con outros destacados intelectuais xudeus de esquerdas. Nela emitiron unha advertencia inquietantemente profética (énfase engadida):
«Entre os fenómenos políticos máis desacougantes do noso tempo está o xurdimento no recentemente creado Estado de Israel do “Partido da Liberdade” (Tnuat Haherut), un partido político moi similar na súa organización, métodos, filosofía política e atractivo social aos partidos nazi e fascista. Formouse a partir dos membros e seguidores do antigo Irgun Zvai Leumi, unha organización terrorista, de dereita e chovinista en Palestina.
A actual visita de Menachem Begin, líder deste partido, aos Estados Unidos está obviamente calculada para dar a impresión de que os Estados Unidos apoian o seu partido nas próximas eleccións israelís e para consolidar os vínculos políticos con elementos sionistas conservadores nos Estados Unidos. Varios estadounidenses de sona nacional prestaron os seus nomes para dar a benvida á súa visita. É inconcibíbel que os que se opoñen ao fascismo en todo o mundo, se estivesen correctamente informados sobre a traxectoria política e as perspectivas do Sr. Begin, puidesen engadir os seus nomes e apoiar o movemento que el representa.
Antes de que se produzan danos irreparábeis mediante contribucións financeiras, manifestacións públicas en favor de Begin e a creación en Palestina da impresión de que un gran segmento de Estados Unidos apoia a elementos fascistas en Israel, a sociedade estadounidense debe ser informada acerca do historial e os obxectivos do Sr. Begin e o seu movemento.
As declaracións públicas do partido de Begin non son en absoluto unha mostra do seu verdadeiro carácter. Hoxe falan de liberdade, democracia e antiimperialismo, mentres que até hai pouco predicaban abertamente a doutrina do Estado fascista. É nas súas accións onde o partido terrorista revela o seu verdadeiro carácter; das súas accións pasadas podemos xulgar o que se pode esperar del no futuro.».
Menachem Begin, a quen Einstein e outros caracterizaron como fascista, chegou a ser primeiro ministro de Israel entre 1977 e 1983. O partido político de extrema dereita que lideraba Begin, Herut, transformouse na organización política máis poderosa de Israel no século XXI: Likud, o partido de Netanyahu.
En resumo, a campaña de destrución xenocida que as forzas israelís apoiadas polos Estados Unidos están a desatar en Palestina en 2024 está lonxe de ser nova: é a continuación dun proceso de séculos de colonialismo occidental.
O que está a facer Israel é o que os Estados Unidos e Canadá fixeron aos pobos nativos de América do Norte, o que Australia fixo aos pobos aborixes, o que Bélxica fixo ao Congo, o que Francia fixo a Alxeria, o que o Reino Unido fixo a Irlanda e o que Alemaña fixo a Namibia.
O sionismo é colonialismo, polo que non sorprende en absoluto que as potencias imperialistas occidentais sigan apoiando tan firmemente a Israel. Non necesitan un lobby israelí para convencelas de que apoien o colonialismo; iso é o que fan as potencias imperialistas. Os Estados Unidos non necesitaron un lobby para as convencer de librar salvaxes guerras imperialistas de agresión contra os pobos de Corea, Vietnam, Cuba, Nicaragua, Iugoslavia, Iraq, Libia, etc.
Tras estabelecerse nos sanguentos masacres da Nakba de 1948, o réxime colonial de Israel actuou inicialmente como un posto avanzado do imperio británico. Isto quedou claro cando o Reino Unido (e Francia) interviñeron para axudar a Israel a loitar contra o líder panárabe anticolonialista revolucionario de Exipto, Gamal Abdel Nasser, despois de que este nacionalizase a canal de Suez na chamada “crise de Suez” de 1956 (que en realidade foi unha crise do colonialismo, na que unha nación anteriormente colonizada afirmou o control popular e soberano sobre o seu territorio e infraestruturas, polo que as potencias coloniais que se beneficiaron desa infraestrutura invadiron para tratar de detela).
Posteriormente, os Estados Unidos superaron a Gran Bretaña e, desde 1967, Israel foi un posto avanzado do imperio estadounidense . Washington utilizou o réxime sionista colonialista como un feroz can de ataque para tratar de liquidar a todas as forzas de oposición antiimperialista en Asia occidental, primeiro apuntando aos comunistas, logo aos nacionalistas árabes e agora aos grupos nacionalistas islámicos que loitan pola liberación nacional.
Como se gabou o ex secretario de Estado dos Estados Unidos e comandante da OTAN, Alexander Haig, “ Israel é o portaavións estadounidense máis grande do mundo que non se pode afundir ”.
[Artigo tirado do sitio web Internationalist 360º, do 15 de outubro de 2024]