As prazas desertas nas oposicións ao Ensino superan o 7%

Logo de rematar todos os procesos as prazas sen cubrir pasan de 104 a un total de 163
Nacional - 26 Xul 2022

Os procesos selectivos para acceder aos corpos docentes deixan neste ano 2022 un total de 163 prazas sen cubrir, concentradas en 14 especialidades e cunha grande disparidade entre elas. A porcentaxe final de prazas desertas pasa do 4,76% que a CIG-Ensino xa destacou como resultado do final da primeira proba (antes da defensa da programación e a unidade didáctica) a un total do 7, 46% tras o remate da fase de oposición.

As especialidades que non asignan todas as prazas que tiñan son:

  • 109 no corpo de PES: Matemáticas, Física e Química, Tecnoloxía, Lingua e Literatura Galega, Asesoría e procesos de imaxe persoal, Informática, Organización e Procesos de mantemento de vehículos, Organización e proxectos de fabricación mecánica, Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos e Sistemas electrotécnicos e automatismos.
  • 3 no corpo de EOI: Francés
  • 50 no corpo de mestres: Francés e Audición e Linguaxe
  • 2 no corpo de Inspección

Se temos en conta unicamente as 14 especialidades nas que quedan prazas sen cubrir a porcentaxe de prazas desertas elévase a máis do 22%. En especialidades como Informática, xa destacada no anterior informe do sindicato, as prazas desertas son máis do 83% do total.

En datos porcentuais destacan outras especialidades como Organización e Procesos de mantemento de vehículos (60%), Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos (57%), Francés de Primaria (con case o 53%), Organización e proxectos de fabricación mecánica (50%).

Unha tendencia continuísta que debe chamar a atención da administración

A porcentaxe de prazas desertas nos procesos selectivos en Galiza mantense desde hai anos, como vén denunciando reiteradamente a CIG-Ensino, nunhas cifras semellantes. Neste ano 2022 prodúcese unha lixeira redución mais a tendencia é clara e mantense na media e cuns valores aproximados ao 2019.

Como vén apuntando o sindicato desde hai xa anos, as diferentes administracións con competencias deberían tomar boa nota desta evolución e, especialmente, do feito de que unha boa parte das persoas aspirantes que non superan o proceso selectivos son persoal interino, nalgún caso cunha extensa experiencia ás costas.

Ano

% Prazas desertas

2018

5,4 %

2019

7,4 %

2021

10,8 %

2022

7,5 %

De aí que a CIG-Ensino apuntase, na negociación da última modificación do Real Decreto de ingreso, que se debería revisar o sistema ordinario, anulando o carácter eliminatoria das probas de cada fase, algo perfectamente legal mais que o Ministerio só vai aplicar no concurso oposición extraordinario que ten que convocarse antes de finais de ano. Nesa necesaria revisión do sistema de ingreso tamén debería reforzarse o carácter pedagóxico e de aplicación dos coñecementos propios da especialidade ao marco educativo, fin para o que realmente se debe avaliar.

Garantir ao máximo posíbel o anonimato das probas, reducir aspirantes por tribunal ou asignar a baremación a unha comisión técnica allea ao tribunal son algunhas das medidas que presenta todos os anos a CIG-Ensino e non son tidas en consideración pola Consellaría de Educación. Tamén se debe eliminar o nomeamento a dedo das presidencias ou, en todo caso, evitar a repetición nese cargo.

As prazas desertas deben ofertarse no seguinte proceso selectivo

 A CIG-Ensino exixe que non se furten as prazas desertas da necesaria oferta pública de emprego. Con independencia da política de imposición de taxas de reposición, pactada polo goberno español e os sindicatos estatais, o sindicato maioritario en Galiza, oposto frontalmente á taxa, demanda que todas e cada unha das prazas agora declaradas desertas se oferten nas próximas oposicións, preservando non só a cifra total senón a propia distribución por especialidades, xa que do contrario se estarían a retirar prazas con necesidades reais.

Na negociación da próxima oferta de emprego a CIG-Ensino reclamará que se achegue información diferenciada e aclaratoria da procedencia das prazas (xubilacións, defunción …) para poder comprobar se a Consellaría pretende eliminar ou amortizar as prazas desertas deste ano 2022.

Un 92% de prazas desertas na promoción interna

Superando con amplitude a porcentaxe das últimas oposicións e volvendo a cifras similares a anos anteriores, só se cubriron 25 das 300 prazas que a Xunta reserva para a promoción interna (cambio do corpo A2 ao A1). Foron 2 de Xeografía e Historia, 2 de Debuxo, 10 de Inglés, 2 de Música, 4 de Orientación e 1 de Educación Física, Lingua e Literatura Galega, Administración de Empresas, Informática e Organización e proxectos de sistemas enerxéticos.

Isto tamén debería dar que pensar tanto ao Ministerio como á Consellaría. En primeiro lugar polo reducido número de persoas que se presentan a estes procesos, do que se debería concluír, como opina a CIG-Ensino, que a maioría do profesorado que forma parte do grupo A2 (sobre todo do corpo de mestres) ten as súas expectativas de promoción profesional na propia etapa educativa na que traballa, de aí a necesidade de mudar a lei para que todo o profesorado se integre no grupo A1 e poida acadar os máximos niveis no propio corpo e especialidade na que traballa.

Deste xeito o actual sistema de acceso de cambio de corpo pasaría a ser similar ao actual de cambio de especialidade (polo que aprobaron 15 persoas) e podería axustarse a oferta de prazas á demanda real, sen inflar artificialmente a cifra total de prazas como ocorre hoxe en día.

 A CIG-Ensino vén propondo que, mentres esa integración xeral non se produza, a Consellaría debe favorecer a ampliación de estudos mediante licenzas anuais de formación, eliminadas por Feijóo e que o novo goberno Rueda se nega a recuperar.