Mobilización nas Pontes para reclamar futuro industrial e con emprego
A Praza do Carme acolleu na tarde deste xoves unha concentración para reclamar unha transición xusta para As Pontes e solucións urxentes que garantan un futuro industrial e con emprego para a localidade. Fronte á propaganda e a perda de postos de traballo demandouse a continuidade laboral para o persoal das auxiliares, a posta en marcha dun plan industrial que garanta a creación de postos de traballo e a economía da localidade, a creación de chan industrial e a materialización dos proxectos anunciados.
A mobilización faise na véspera de que o persoal das auxiliares que estivo traballando nas tarefas de pre desmantelamento da térmica pase ao desemprego, incumpríndose unha vez máis as garantías de continuidade e as promesas dunha transición xusta. Sen ningún dos proxectos industrias anunciados en marcha, cunha inacción sangrante das administracións ante os incumprimentos de Endesa e sen alternativas económicas e de emprego, As Pontes vive unha situación límite.
Por iso, o responsábel local da CIG das Pontes, Óscar Maseda defendeu intensificar a mobilización como único camiño para arrincar do Goberno estatal, da Xunta e do Concello "actuacións concretas e reais, que comprometan e obriguen a Endesa e que dean solución ao declive industrial, económico e social que padece a vila e a súa contorna".
Denunciou que dende o anuncio do peche da central, e pesar das masivas mobilizacións, os gobernos foron incapaces de dar solución ás reivindicacións "para a concreción de proxectos, prazos, garantías e emprego, garantindo a continuidade laboral do persoal da industria auxiliar neste proceso". Ao contrario, salientou, déixase todo o futuro da vila "nas mans dunha empresa privada como Endesa que se move en exclusiva en base aos seus intereses".
Maseda criticou que nin sequera se levaron adiante medidas para promover a formación e impulsar a reinserción e o futuro laboral dos compañeiros e compañeiras da industria auxiliar, do transporte do carbón, ou do persoal trasladado de Endesa. "A todas e todas eles asístelle o dereito a poder seguir vivindo e traballando nas Pontes", aseverou.
Fronte a isto, o responsábel sindical reclamou a continuidade laboral para o persoal da industria auxiliar, un plan industrial que garanta a creación de emprego e o futuro económico da localidade, a creación de chan industrial que non dependa das instalacións de Endesa para axilizar a implantación de novas empresas "e proxectos laborais que deixen de ser promesas e se fagan realidade". Pois dende que se deron a coñecer propostas como a fábrica de pneumáticos de Sentury ou as plantas de hidróxeno verde "aínda non se colocou unha soa pedra".
Exixiu unha transición realmente xusta e menos propaganda e anuncios que "nos pintan un futuro idílico de emprego e bonanza", cando a realidade "é a que todos e todas vemos: desemprego, precarización, promesas incumpridas e un futuro a curto prazo desolador".
Neste contexto, Maseda chamou a non caer na resignación e instou a seguir "mobilizándonos para esixir garantías de emprego e a reindustrialización da nosa vila".