As Pontes mobilízase para esixir unha transición xusta que pasa por ofrecer garantías de emprego ao persoal das auxiliares
Centos de persoas manifestáronse na tarde deste xoves polas rúas das Pontes en demanda dunha transición enerxética xusta e na defensa do emprego na industria auxiliar. A mobilización, convocada pola CIG, UGT e CCOO, saíu pasadas as 20 horas da Praza do Carme e rematou na Praza Roxa, onde se procedeu á lectura dun manifesto no que se reclamou a creación "dunha mesa específica e permanente para abordar unha solución global e completa" para os traballadores e traballadoras das auxiliares de Endesa.
O pasado 22 de xuño constituíuse a mesa de transición xusta para as Pontes na que participan o comité de crise, o Ministerio, a Xunta e Endesa. Esta mesa, sinala Alberte Amado, representante da CIG no comité de crise, ten potestade en tres ámbitos: no control e seguimento das probas con biocombustíbel, na planificación do deseño industrial futuro das Pontes e sobre o emprego do persoal das auxiliares e do colectivo de transportistas.
Sobre esta última cuestión, Amado lembra que se ten solicitado a creación dunha submesa específica da industria auxiliar, do mesmo xeito que xa hai unha mesa paralela para transportistas. Un marco de traballo que cualificou de "moi importante", xa que "a día de hoxe nin sequera puidemos cadrar os números con Endesa en canto ao volume de traballadores/as das auxiliares afectados. Hai unha diferenza de arredor de 70 persoas entre os datos que manexamos nós e os que di a empresa".
Diante disto, a constitución desa mesa específica resulta "prioritaria para aclarar este punto e a partir de aí abordar as garantías e as alternativas para estes traballadores/as", tendo en conta que Endesa só ofreceu un vago compromiso de mantemento do emprego até que se fagan as probas con biocombustíbeis. Probas que se realizarán entre xullo e agosto e será previsibelmente en setembro cando se coñeza o primeiro informe técnico e ambiental do resultado.
Xa é hora de presentar proxectos e alternativas concretas
Nesta liña, Amado volveu reclamar implicación real das dúas administracións "e feitos concretos, non só lemas sobre unha suposta transición xusta. Estamos vendo como outras centrais (como a de Meirama) pechan sen que haxa garantías nin alternativas de futuro a curto prazo".
No manifesto lido ao remate da mobilización denunciouse que esta falta de garantías no e emprego, demostra "que o compromiso das grandes eléctricas coa denominada Transición Xusta é unha gran mentira, en todas esas centrais pechadas, os compañeiros/as das auxiliares están indo directamente ao paro, só levan compromisos verbais de realización de cursos formativos, nada máis, a transición para as auxiliares semella que é o paro, só o paro".
Neste senso, Alberte Amado apuntou que no caso das Pontes "temos o prazo de un ano -no peor dos escenarios se non avanza o proxecto con biocombustíbeis- para seguir traballando e compensar a redución total ou parcial do peche da central". Por iso, urxiu á Xunta e ao Ministerio a que empecen a buscar e a poñer xa enriba da mesa proxectos concretos.
En canto á actuación do Goberno galego, demandoulle que deixe de facer campaña co tema das Pontes "porque só se dedica a dicir que a central ten que funcionar, pero sen concretar como". Ademais, denunciou que a Xunta non está a exercer as competencias directas que dispón en materia de industria e tampouco está buscando chan industrial. "Levamos moito tempo reivindicándolle que inicie o proceso administrativo para a ampliación do chan industrial xa que agora non temos onde asentar os posíbeis proxectos que veñan. Dispor de terreos para esta finalidade é a única maneira de evitar un parón no tempo mentres se desmantela a central".