As Pontes irá a folga xeral o 16 de outubro para esixir alternativas industriais e garantías de emprego ante o peche da central
Se a comarca das Pontes estaba en pé de guerra para esixir alternativas que garantan o futuro industrial da comarca ante a parálise produtiva da central térmica, o anuncio de Endesa de acelerar o peche das instalacións provocou unha reacción inmediata: o vindeiro 16 de outubro haberá folga xeral nas Pontes e unha mobilización en Madrid diante do Ministerio para esixir un proceso de transición enerxético ordenado e xusto, que non deixe atrás a comarca. Así o acordou o denominado "comité de crise" (integrado polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, colectivos de transportistas afectados, asociacións empresariais e os grupos municipais do do Concello) na reunión de urxencia celebrada este domingo tras coñecerse a decisión Endesa.
"Aínda que non concreta unha data, o anuncio de Endesa evidencia a intención clara de abandonar a produción de enerxía mediante carbón", explica Alberte Amado, da executiva da CIG-Industria e representante da central nacionalista no "comité de crise". Amado apunta ao negativo que resulta a medida adoptada por Enel (propietaria da eléctrica) e critica que nin a Administración española nin a galega lograran unha reunión previa coa dirección de Endesa, "que considerábamos vital".
Para quentar motores de cara á folga xeral nas Pontes, mañá martes haberá unha caravana de vehículos até A Coruña, que partirá ás 16:00 horas da vila e na que se agarda que participen arredor duns 800 automóbiles (entre camións e turismos).
Transición ordenada e xusta
Ao día seguinte, o mércores 2 de outubro, terá lugar outra cita crucial, xa que para esta xornada está prevista unha reunión co Ministerio de Transición Ecolóxica, na que estará presente tamén a Xunta e unha representación da empresa. "Esta reunión segue sendo importante para saber de que tempos estamos falando e para que dende o Gobernos se esixa a Endesa que achegue propostas para a xeración de enerxía alternativa ao carbón e que se involucre na busca de medidas que minimicen o impacto do peche da central, tanto no relativo á perda de emprego como polas consecuencias económicas que ten a súa decisión para o conxunto da comarca".
Nese encontro, avanza Amado, tamén se lle vai esixir ao Ministerio un proceso de transición ordenado e con garantías, "porque aquí non hai folla ruta de ruta clara, Endesa anuncia o que quere e cando quere e parece que non pasa nada".
A Xunta debe exercer as competencias en materia industrial
Nesta liña, o representante da CIG tamén chamou a atención sobre o papel da Xunta, pois aínda que non ten competencias en materia enerxética, si que as ten en política industrial. "O Goberno galego debe actuar na busca dun futuro industrial para As Pontes, non chega con descargar responsabilidades no Goberno español, a Xunta ten que exercer as súas competencias, porque até agora non ten nada feito".