As Pontes bótase á rúa outra vez para esixir unha transición enerxética realmente xusta
Traballadores e traballadoras da central térmica e veciñanza das Pontes continuaron esta tarde coas mobilizacións para esixir unha transición xusta, que ten que pasar por ofrecer garantías de emprego e proxectos industriais que doten a localidade de futuro. A manifestación saíu da Praza do Concello e marchou polas rúas do municipio para rematar novamente nas inmediacións da casa consistorial.
"Fixéronse anuncios "rimbombantes" por parte do MITECO asegurando que o proceso de transición se afrontaría con xustiza e "sen deixar ninguén atrás", mais o que xa estamos a ver noutros territorios é que isto non é certo, e moito nos tememos que aquí vai ser igual", denuncia Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria.
Amado advirte que non se está a pór en marcha ningún mecanismo que garanta "unha auténtica transición, senón que aquí vai haber unha ruptura. A curto prazo verémonos sen nada e a longo prazo descoñecemos que pode chegar".
Denuncia que os traballadores e as traballadoras son as vítimas do enfrontamento entre o goberno español e o galego, e da pasividade de Endesa, que se escusa na tramitación pola vía ordinaria do expediente de peche da central "para deixar abandonado ao persoal. Aquí ten que haber responsabilidade políticas, o Ministerio e a Xunta de Galiza abandonan os traballadores/as e as consecuencias desta batalla pagaraa toda a cidadanía das Pontes".
Incerteza na continuidade do emprego
A este respecto, lembra que a día de hoxe xa hai un ERE anunciado nunha das auxiliares de Endesa "e nas outras existe incerteza porque non saben que volume de persoal se vai precisar na central a partir do 1 de xullo, cando remata o compromiso de garantía de emprego dado por Endesa". Ademais, na empresa principal tamén se reactivan os traslados fóra das Pontes.
Ante este situación límite, as organizacións sindicais teñen solicitadas reunións de carácter urxente co MITECO, o Ministerio de Traballo e a presidencia da Xunta de Galiza "das que aínda non temos contestación".
O próximo día 15 está prevista unha reunión con Endesa, na que tamén participará a directora xeral de Relacións Laborais, na que se agarda que a eléctrica concrete a situación da central a partir do día 1. "Evidentemente non temos grandes expectativas porque a postura de Endesa é clara: mentres non poida facer traballos non haberá carga de traballo para as auxiliares", avanza.
Non hai proxectos nin estratexia industrial
Neste senso, o representante sindical advirte que se supedita o futuro da comarca aos fondos europeos, "pois non existen proxectos nin unha estratexia industrial, ben sexa no ámbito enerxético como doutros sectores, se non veñen eses fondos europeos que son de concorrencia competitiva". Faise preciso polo tanto, reitera, un plan estratéxico para paliar o impacto laboral, social e económico do peche da central.
Sobre a situación da sinatura do convenio de transición, indicou que esta mesma semana o Ministerio lanzou a participación pública "e entendemos que vai sen a sinatura do protocolo, tal e como sucede en Meirama, que leva un ano en exposición pública pero sen os protocolos asinados. Co que entendemos que é unha responsabilidade máis da Xunta, xa que certas axudas precisan que ese protocolo estea asinado e despois aínda habería que elaborar o convenio de transición xusta para os territorios galegos afectados, Meirama e As Pontes".