AS-PG e CIG-Ensino analizarán o traballo sobre coeducación que se realiza nos centros galegos
A CIG-Ensino aproveitará as visitas aos centros para presentarlle un inquérito ao profesorado sobre a existencia de Plans de coeducación, da figura dunha persoa coordinadora das actividades en materia de igualdade ou da oferta de materiais de libre configuración relacionadas con esta temática, entre outras cuestións. Con estes datos obxectivos e contrastados queren esixirlle á Administración unha implicación que a día de hoxe non existe, máis alá dalgún xesto de cara á galería, e o cumprimento da normativa existente.
Para a CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega o traballo en equipo e coordinado en materia de coeducación nos centros de ensino é fundamental para poder reverter a situación social que vivimos e que consideran que “é froito, en boa medida, de non contar cunha educación baseada na igualdade e no respecto ás diferenzas de cada persoa”.
Por iso e precisamente para coñecer de xeito máis real como se artella este traballo nos centros, a CIG-Ensino pon en marcha desde hoxe unha campaña na que recabará información mediante un inquérito, dispoñíbel na súa páxina web, sobre a existencia de Plans de coeducación, da figura de coordinación destas actividades ou sobre a oferta de materias de libre configuración relacionadas coa igualdade de xénero e a coeducación.
Este inquérito seralle presentado ao profesorado, especialmente aos departamentos de Orientación e ás direccións, durante as visitas que vai realizar este mes aos centros, coincidindo coa conmemoración o 25 de novembro do Día internacional contra a violencia de xénero.
Necesidades detectadas
Coa información recompilada, preténdese facerlle chegar á administración as necesidades detectadas, tanto orzamentarias como de posta a disposición de recursos materiais e de horario para que o profesorado implicado nestas tarefas poida levar a cabo actividades de promoción da igualdade e de fomento da coeducación nos centros de ensino. “Na CIG-Ensino asumimos unha tarefa que entendemos que debe facer a Consellaría de Educación de forma urxente pero que demostrou que non está entre as súas prioridades”, indican.
Un libro como base para o traballo na aula
Durante esta campaña tamén se entregarán exemplares do libro Coeducación, Alicerce do ensino, editado pola CIG-Ensino e a AS-PG e dispoñíbel tamén on line, que pretende que sirva como marco teórico para traballar nas aulas esta cuestión, ademais de recoller en tres capítulos diversas experiencias prácticas levadas a cabo recentemente nos centros de ensino galegos.
Para a elaboración desta obra contouse coa colaboración de Mariam Moreno, especialista universitaria en cultura e violencia de xénero, que se encargou do capítulo centrado na elaboración do Plan de Igualdade, indicando cal a súa estrutura, que contidos e obxectivos debe incluír, con que recursos debe contar, que metodoloxía se pode empregar ou como debe temporalizarse e avaliarse.
Perspectiva de xénero
Tamén se acomete como analizar un centro educativo con perspectiva de xénero, paso previo e imprescindíbel á elaboración do propio plan, resaltando a necesidade de formación específica para o profesorado que o lidere e que, desde a CIG-Ensino, demándase que sexa ofertada pola Consellaría de Educación en horario lectivo. De acordo co que se recolle no libro, nesta análise será preciso estudar a linguaxe empregada, revisar o material didáctico, incluír a igualdade no Plan de Acción Titorial e de Convivencia do centro, analizar a biblioteca e os recursos bibliográficos ou a distribución de espazos do centro, entre outros aspectos.
“Pupitres arcoiris”
Pola súa banda, Kika Fumero, especialista en coeducación, violencia de xénero e diversidade lgtbi é a autora do capítulo “Pupitres arcoiris”. Logo de reflexionar sobre a tarefa docente e a necesaria atención á diversidade e de facer un percorrido pola terminoloxía relacionada co tema, neste apartado indícase como transmitir valores que integren a diversidade desde as aulas.
Entre outras pautas de como facelo figuran: non presupoñer a heterosexualidade do alumnado e das súas familias, vincular os contidos curriculares aos valores da coeducación, atender o alumnado diverso e non mostrar pasividade ante posíbeis discriminancións, informarse sobre a materia ou abrir o centro a asociacións feministas e lgtbi da contorna.
O capítulo dedicado á prevención da violencia de xénero na adolescencia é da autoría de Carmen Ruíz Repullo, doutora en socioloxía e experta en xénero e igualdade. A autora incide tamén na necesaria formación especializada do profesorado para poder facerlle fronte á prevención da violencia de xénero na adolescencia. Indícanos diferentes tipos de violencia de xénero, como o que se dá dentro dunha relación de afectividade, vinculada ao machismo, ao mito do amor romántico (celos, media laranxa, sufrimento por amor, ou cambio por amor) ou á masculinidade hexemónica (erotización do mozo chulo como modelo de atracción fronte á moza “decente”). Considera outro tipo de violencia de xénero as violencias sexuais que poden ir desde as agresións á coerción sexual ou ao acoso de rúa e, á súa vez, poden ir asociadas a distintos ámbitos como a parella, o lecer ou os estudos. Un terceiro tipo é o denominado ciberviolencia de xénero do que tamén se nos explican diferentes modalidades: sexting, sextorxión, grooming ou revenge porn entre outras.
Por último, atópanse neste estudo unha serie de útiles estratexias dirixidas á prevención, detección e actuación ante a presenza de violencia de xénero nos centros de ensino.
Interseccionalidade de xénero como enfoque educativo
A “Interseccionalidade de xénero como enfoque educativo” é o título do capítulo de María Rúa Junquera, xornalista e especialista en dereitos humanos e conflitos internacionais. Nel explica o concepto de interseccionalidade desde que se acuñou nos anos 60 ata os nosos días. Centrándose no espazo concreto das aulas, ofrécenos unha serie de pautas para tratar como docentes a discriminación diversa e mesmo achega un exemplo de proposta didáctica.
Carme Adán, catedrática de Filosofía cunha tese sobre epistemoloxía feminista, e docente do IES Politécnico de Vigo, explica o traballo sobre igualdade e diversidade que nos últimos cursos levou a cabo un grupo de docentes deste centro no capítulo titulado “O noso centro: un espazo de liberdade”. Carme Adán vai debullando como se levaron a cabo distintos obradoiros sobre nocións básicas de orientación sexual ou feminismo, como se foron conformando grupos de docentes con interese nestes temas e como botaron a andar diferentes e interesantes actividades (traballo de textos vinculados á materia de Valores ou á Titoría, elaboración de paneis, vídeos, unidades didácticas, xornadas de diversidade afectivo-sexuais, charlas de persoas especialistas, exposicións fotográficas, entre moitas outras).
A autora aproveita tamén para facer atinadas reflexións sobre a dificultade de cohesionar grupos de traballo pola falta da dotación horaria do profesorado e sobre a falta de implicación da Administración que delega no voluntarismo do colectivo docente.
Igualdade de xénero
María Xesús Enguídanos, diplomada en Maxisterio e Ciencias da Educación e coordinadora do Proxecto de Rede de Escolas asociadas á UNESCO, cóntanos a experiencia sobre coeducación que se levou a cabo no CEIP Isidora Riestra baixo o marco teórico do “Plan de acción da UNESCO para a prioridade Igualdade de xénero 2014-21”.
Centrándose nos dous primeiros cursos de primaria, a autora enumera distintas formas de traballar a coeducación nestes niveis educativos desde o método de “aprender a pensar” coa Filosofía, ata a organización dos espazos, a recomendación de lecturas e músicas, a traballo coa arte, a poesía ou a prensa na aula. Ao longo do capítulo, María Xesús vai facendo unha revisión de distintos “P” que se traballan co alumnado, desde os máis individuais de “persoa” e da súa identidade, pasando polo de “Paz”, “Prosperidade” ou “Plans de acción” ata o máis xenérico de “Planeta”.
Serve como peche do libro o capítulo “ Se coeducamos, conxugamos futuro!” de Carme Moure Espiño, licenciada en filoloxía hispánica e galego-portuguesa, que traballou a coeducación en distintos centros e formou parte do grupo que deseñou os currículos das materias de libre configuración de Igualdade de Xénero e Coeducación para o Século XXI.
Entende a autora que estas temáticas deben ser traballadas desde o Plan de Coeducación, que incluiría aspectos como a coeducación das emocións, a biblioteca como espazo de igualdade, a existencia dun taboleiro de coeducación, un club de lectura feminista ou unha comisión de igualdade intercentros.
Considera, así mesmo, que se debe ter en conta esta temática desde as propias aulas, de feito nesta colaboración céntrase no traballo a nivel de aula e máis en concreto na materia de lingua e literatura galega que imparte; as súas propostas didácticas ( “a maleta violeta”, “ o tendal poético das emocións”,“Penélopes navegantes” , “historia dunha escaleira”, “eu coido/nós coidamos”) parten de escritoras e escritores na nosa lingua e dos seus textos para traballar a coeducación nos diferentes niveis educativos de secundaria.