As persoas traballadoras dos supermercados Vegalsa-Eroski reclaman poder beber auga
Este venres 22 de marzo, conmemórase o Dia Mundial da Auga. Aproveitando a data, a sección sindical da CIG en supermercados Vegalsa-Eroski inicia unha campaña para reclamar que non se lle cobre a auga mineral embotellada ou que a empresa poña fontes de auga mineral nos lugares de traballo.
Partindo de que a auga é un dereito humano e que a hidratación é fundamental para a saúde das persoas traballadoras -tal e como di o Real Decreto 486/1997, de 14 de abril sobre saúde laboral- as delegadas e delegados da CIG reclámanlle á empresa que cumpra a lei en materia de lugares de traballo e facilite a adecuada hidratación das traballadoras e traballadoras.
Unha cobertura que xa teñen garantida noutros centros da empresa, como as oficinas centrais ou o almacén loxístico, onde dispoñen de auga embotellada gratuíta e de fontes de auga. Esta situación causa ademais unha grave discriminación entre as traballadoras e traballadores dos supermercados e o persoal do resto da empresa.
"Pensamos que unha das maiores empresas de distribución alimentaria, como Vegalsa-Eroski, non debería escamotear na saúde das persoas traballadoras negándolles a posibilidade de beber auga mineral no tempo de traballo, sen ter que ir ao lavabo a beber, cando moitos deses aseos carecen das condicións hixiénicas mínimas", explican as delegadas e delegados da CIG.
Por iso, neste 22 de marzo, acordaron iniciar a campaña para que Vegalsa-Eroski facilite auga a todas as persoas traballadoras "porque esta empresa non nos quere dar nin auga".