“As persoas traballadoras de Povisa non somos moeda de cambio de compañías que mercadean coa saúde”
A representación legal dos traballadores/as do hospital vigués Povisa compareceu hoxe en rolda de prensa para deixar moi claro que non vai permitir que o cadro de persoal sexa “moeda de cambio” de ningunha compañía que “mercadea coa saúde”, ao tempo que denunciou a falta de transparencia que rodea o proceso de venda de Ribera Salud, propietaria de Povisa e dos hospitais Polusa (Lugo) e Juan Cardona (Ferrol), ao grupo francés Vivalto Santé e reclamou a intervención da Consellaría de Sanidade.
A presidenta do comité de empresa de Povisa, Chus Neira, da CIG, trasladou o a “preocupación, o malestar e a indignación” dos empregados/as de Povisa, que coñeceron a través dos medios de comunicación a venda do grupo propietario do hospital vigués. “Volveu acontecer o mesmo que cando a familia Silveira lle vendeu o hospital a Ribera Salud; despois da compra pedímoslles que nos informasen de futuros cambios, que falasen con nós, pero actuaron igual, con falta de transparencia e sen dar explicacións”.
Neste senso, pregúntase por que non informaron de nada “se é certo o que din de que non vai haber cambios na xestión do hospital; o normal tería sido poñer en coñecemento do comité de empresa e dos traballadores/as para evitar esta situación de incerteza e de malestar xeneralizado, tendo en conta que estamos a falar dun hospital e de persoal que atende a doentes”.
Por iso asegurou que a Consellaría de Sanidade “ten moito que dicir”, ao tratarse ademais dun centro que ten un convenio co Sergas. “Pero que teñen moi claro que non imos permitir que sigan a recortar os nosos dereitos laborais, cando os traballadores/as de Povisa levamos anos tirando do carro en condición laborais moi precarias, con sobrecarga de traballo, dobrando quendas a diario e moitos/as coa xornada reducida”.
Xuntanzas cos partidos políticos
A responsábel sindical amosou a súa indignación polo feito de que agora estes empregados/as “imos ser agora moeda de cambio de empresas que o único que fan é lucrarse a base de precarizar e de mercadear coa saúde; basta xa, xa está ben, non o imos permitir”. En consecuencia, anunciou que a Xunta vainos ter enfronte. “Até aquí chegamos, imos ir a por todos para defender os dereitos das persoas usuarias e os nosos dereitos laborais”.
Precisamente para abordar a situación xerada co anuncio da venda o comité manterá mañá xuntanza co BNG e co PSOE, e ten unha reunión solicitada tamén coa Consellaría de Sanidade. “Da dirección do hospital non agardamos nada, aínda que hoxe temos un encontro que en principio era para seguir a negociar o convenio colectivo”.