As organizacións sindicais reclámanlle á Xunta que exerza as súas competencias e regule o teletraballo na xustiza
As organizacións sindicais con representación na xustiza compareceron este luns en rolda de prensa para reclamarlle á Consellaría que regule -de maneira transitoria até que exista unha norma ministerial ou definitiva dende o ámbito das súas competencias- o traballo a distancia para que o persoal desta administración en Galiza poida continuar con esta modalidade, como viña facendo até agora.
Lembraron que o teletraballo foi implantado durante a pandemia cunha regulación básica. Porén, o 27 de outubro, o Ministerio emitía unha circular informando que se suprimía o teletraballo algando que as medidas pola covid, que incluían esta modalidade, xa non son de aplicación dende o 5 de xullo. Unha decisión, denunciaron, que a Consellaría executou sen facer uso das súas propias competencias.
Diante disto, a representación social entende que esa circular afecta ao persoal letrado e funcionario de ámbito ministerial e no caso de Galiza, ao igual que fixeron outras autonomías coas competencias transferidas como Aragón ou Andalucía, a Xunta podería desenvolver a súa propia normativa, aplicar subsidiariamente a norma que regula o persoal da administración xeral galega ou incluso elaborar unha normativa básica transitoria mentres non se publique unha regulación definitiva.
Neste senso, Chelo Rodríguez, delegada da CIG-Xustiza, subliñou que a Xunta pode elaborar a súa propia regulación nesta materia e lembrou que o persoal desta administración "xa teletraballamos cunha normativa da Xunta antes da pandemia". Por iso, demandoulle ao Goberno galego que "exerza as competencias que ten" para que o persoal que queira adscribirse poida continuar co traballo a distancia, e sempre garantindo o acceso da cidadanía a este servizo público.
Previamente á rolda de prensa, a representación do persoal mantivo no TSXG unha reunión co secretario de goberno para pedirlle o seu apoio ás reclamacións sociais e coñecer se podería existir algunha regulación inmediata sobre o teletraballo, tendo en conta o deixamento da Xunta e que previsibelmente a normativa que poida desenvolver o Ministerio non se aprobará no curto prazo. De igual xeito, a pasada semana xa solicitaron unha xuntanza con Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes para abordar esta cuestión e reclamar solucións.