As centrais sindicais manteñen a folga do día 22 na Inspección de Traballo e presentarán denuncian ante a UE
As organizacións sindicais confirmaron esta mañá en rolda de prensa que manteñen a convocatoria de folga na Inspección de Traballo e Seguridade Social paro vindeiro mércores 22 de febreiro e advirten que intensificarán as mobilizacións, chegando incluso á folga indefinida. Esta será a terceira xornada paro xeral que secunde o persoal da ITSS ante o incumprimento por parte do Goberno español do acordo asinado en xullo de 2021 para resolver as graves e urxentes carencias do organismo.
A plataforma sindical xa advirte que con esta folga "se esgota unha primeira fase da mobilización" e o total desentendemento por parte do Goberno na busca de solucións leva "inevitabelmente" a intensificar o conflito nas próximas semanas. Así, adiantan que se analizará a convocatoria de mobilizacións semanais "e incluso todos os días", sen descartar ir á folga indefinida.
Ademais, sinalan que se está a ultimar unha denuncia diante da Unión Europea polos incumprimentos que afectan á ITSS "e que son compromisos realizados polo Goberno español á UE", que supoñen unha vulneración da Carta de Dereitos Fundamentais en materia de negociación colectiva.
"O desentendemento e a distancia que vimos observando por parte do Ministerio de Traballo e Economía Social non só é unha actitude irresponsábel, vai máis aló, ao poñer de manifesto a instrumentalización que se está realizando, por parte da dirección política deste ministerio, dos esforzos que realiza o persoal da Inspección de Traballo, en beneficio propio", lamentan.
A este respecto, critican o escurantismo das negociacións entre o Ministerio de Traballo e o Ministerio de Facenda (que ten que autorizar a aplicación do acordo) e sospeitan que o que ambos departamentos están a tratar "nada se parece xa" ao acordado no seu día para resolver as carencias da ITSS, tanto a nivel de persoal, como materiais e organizativas. "O resultado destas disquisicións internas do Goberno lévanos ao desastre na Inspección de Traballo e as consecuencias diso vanse a deixar ver no curto prazo", alertaron.